Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa ao PP local de ignorar a responsabilidade da Xunta co Torques de Burela “de costas ós máis débiles”

O pleno municipal que se levou a cabo este xoves en Burela veu a demostrar que o goberno local segue anclado no pasado, excusándose continuamente na suposta herdanza do bipartito e aludindo continuamente á Deputación de Lugo, como se esta institución lle fora a solucionar a papeleta ó señor González Barcia.

Simplemente serve con revisala orde do día, con 15 puntos, pero en ningún deles aparecía ningunha iniciativa de futuro para Burela. Tódalas cuestións ou ben eran consecuencias doutros plenos, como a aprobación definitiva da modificación do RPT ou ben meros trámites administrativos ou económicos como o plan orzamentario ata o exercicio 2017, que contou co voto contrario do BNG por seguir a liña dos presupostos de 2014 e incluso aumentalos impostos a tódolos veciños que non teñen responsabilidade ningunha da desfeita que leva a cabo o goberno local. Como curiosidade, no punto que contemplaba a baixada de soldo do alcalde, o alcalde rivalizou co portavoz socialista sobre os seus respectivos soldos, como se dunha competencia se tratase.

Chegouse así o apartado de mocións sen ningunha aportación previa nen iniciativa do goberno municipal para traballar a prol dos veciños de Burela e tampouco aportou moción nengunha o grupo popular, simplemente se limitou a enmendar tres das catro mocións presentadas polo BNG e a rexeitar unha que presentou o grupo nacionalista acerca do canon de Sogama.

A única intención do señor Barcia foi votar abaixo as mocións presentadas, fose como fose, sen ter en conta os máis débiles, os que de verdade están a sufrir as consecuencias da situación que vivimos, isto é, os mariñeiros da frota galega, os usuarios do 065 ou os que sufren desafiuzamentos.

No tocante á moción en favor da frota de cerco e artes menores, que foi enmendada polo pp, a posición do BNG é a derogación do principio de estabilidade relativa, claramente discriminatorio coa frota galega. Mais semella que os intereses do señor Barcia non son os mesmos cos dos mariñeiros galegos, ó igual que os do señor Feijoó e os dos señor Rajoy, que coma sempre miran para outro lado; por iso nos parece necesario que Galiza teña poder de decisión sobre o reparto xeral dos TAC.

Con respecto ó desmantelamento do 065, a moción que presentou o grupo nacionalista para dar marcha atrás con esta medida, foi rebatida pola concelleira de asuntos sociais, Diana Durán, que como acostuma negou a maior e vendeu a situación dos servizos sociais e do servizo de transporte adaptado coma idílica, unha situación moi diferente da realidade que viven os usuarios e incluso os traballadores ós que abarcaba este servizo (que van perder o seu posto de traballo), pero semella que este é outro tema que pouco lle importa ó goberno local de Burela, que votou abaixo a moción coa súa maioría absoluta, contribuindo así a un novo recorte e outra nova privatización.

Pero o momento culmen do despropósito, das falacias e das mentiras do señor alcalde de Burela chegou no momento no que se debatiu a moción que o BNG presentou para instar a Xunta á protección e a volta a Galiza do torques de Burela dentro da colección de ourivería prerromana propiedade de Alvaro Xil Varela. Ignorando de forma desconsiderada a situación actual desta problemática, coa incoación do expediente de declaración de BIC (Ben de Interese Cultural) que obriga á dirección xeral de Patrimonio a protexer a colección, o señor alcalde montou en cólera, asegurando que dende a Deputación Provincial de Lugo se deixara ir a colección e instando na súa enmenda á Deputación a retomalas negociacións e facer todo o posible porque a colección de ourivería, e con ela o torques de Burela, voltasen a Lugo. Incluso chegou a asegurar que a Xunta xa bastante fixera coa incoación do expediente e que grazas a eles o Torques non estaba xa no extranxeiro, algo totalmente falso xa que o expediente foi incoado a petición da facultade de Historia da USC e o día que a colección de Alvaro Xil saiu do museo provincial de Lugo en Patrimonio non sabían nada ó respecto e evidentemente non se sabía que medidas ían tomar.

O que está obviando o señor Barcia é que a lei obriga á Xunta a protexer a colección, ter coñecemento de onde se atopa, supervisar que os posibles traslados se produzan de forma segura e garantizar que sexa exposta ó público polo menos catro días de cada mes. Tamén debería ter en conta o alcalde de Burela antes de facer as súas acusacións ós responsables da deputación de Lugo que os seus compañeiros do pp nesa institución votaron a favor apoiando en todo momento as actuacións da entidade neste tema e que esta problemática remontase á época de Cacharro Pardo á fronte da deputación. Pretende o señor alcalde de Burela, inhibir á Xunta de calquera responsabilidade na protección da colección de Alvaro Xil na que se inclúe o torques de Burela, transferíndolle esta responsabilidade á Deputación de Lugo.

En conclusión, outro pleno sen iniciativa nengunha de parte do Goberno Municipal, que se mostra de costas á sociedade, ignorando os intereses de mariñeiros, usuarios do 065 e dos que quedan sen a súa casa, aínda que tamén de costas á realidade, ignorando o que di a lei de patrimonio e empregando unha vez mais o pleno do concello de Burela para facer oposición á Deputación Provincial de Lugo.

Mario Pillado

Exit mobile version