A Mariña, 14 de marzo de 2014, O BNG da Mariña volveu emprazar ao alcalde e á dirección do Partido Popular en Lugo a que “por decencia política”, abandone os seus cargos de representación tanto na alcaldía de Muras como na dirección provincial do Partido. A fronte nacionalista valorou as declaración de Issam Alnagm na entrada do xulgado onde está imputado na trama da retirada das multas de tráfico, como as dun home “acurralado polas constantes imputacións xudiciais e carente de toda ética política”, para o BNG o alcalde de Muras “leva vinte e tres anos na alcaldía, boa parte deles usando os seu cargo institucional para beneficio persoal, con esta e coa anterior dirección do Partido Popular”.
REITERAN A PETICIÓN DE DIMISION DA ALCALDIA E CESE DOS SEUS CARGOS NO PARTIDO
A dirección luguesa e galega do Partido Popular teñen un bo exemplo en Muras do que é o uso da administración para beneficio persoal e “seguen se tomar medidas para apartar do seu cargo como alcalde e membro dos organismos de dirección provincial do partido a unha persoa que leva catorce anos usando a alcaldía para beneficio persoal e dos seus achegados”. Neste sentido insisten en reclamar “o seu cese como membro da dirección do partido en Lugo e o abandono do seu posto na alcaldía”.
ISSAM ALNAGM CON 23 ANOS NA ALCALDÍA, LEVA 14 DELES BENEFICIANDOSE PERSOALMENTE DO SEU POSTO NO GOBERNO E AGORA ESTÁ ACURRALADO POLOS CONTINUOS PROCESOS XUDICIAIS
Para o BNG as declaracións do alcalde de Muras na entrada do xulgado por estar imputado na trama da retirada de multas “son as dunha persoa acurralada polos continuos procesos xudiciais nos que está inmerso e carente de toda decencia e ética política para asumir as súas propias responsabilidades”.É unha vergoña que individuos desta caste sigan á fronte de calquera institución, neste caso concreto estamos falando dun señor que leva catorce anos saqueando e beneficiándose persoalmente do seu posto na alcaldía de Muras.
O BNG mariñao afirmou que “existen numerosos exemplos das actuacións irregulares do Sr. Alnagm”, dende atentados contra o medio natural ate a elaboración de bases a medida para beneficiarse persoalmente da compra polo concello de bens inmobiliarios da súa propiedade que lle supuxeron ingresos por mais de 390.000 euros como sucedeu caso da Aldea Etnográfica, pasando pola apropiación de camiños públicos ou os cambios de uso de fincas da súa propiedade sen efectuar os trámites legais pertinentes.
O BNG TEN OS SEUS PROPIOS CÓDIGOS ÉTICOS QUE APLICA CON CONTUNDENCIA DENTRO, E ESIXE FORA DA ORGANIZACIÓN
Os nacionalistas lembráronlle ao alcalde que o BNG contan cuns códigos éticos que deberan ser exemplo a seguir polos dous partidos estatais – PP e PSOE – que contan con maior número de persoas incursas en procesos xudiciais que xeran grande alarma social, no BNG nestes casos esixe para a súa militancia a inmediata dimisión, unha posición clara e contundente que tamén lle esixe ao resto das formacións políticas.