Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros pedirá o informe que a Consellería de Medio Ambiente fixo do PXOM no que se critican as recualificacións de terreos

Barreiros, 1 de marzo de 2014. O grupo municipal do BNG en Barreiros solicitará do goberno
municipal que se lle facilite unha copia do informe emitido pola Consellería de Medio Ambiente a
respecto do borrador inicial do PXOM presentado polo goberno municipal.

Segundo a información aparecida nos medios, a propia Cnsellaría pon en dúbida o modelo de
desenvolvemento urbanístico co que se pretende continuar en Barreiros, por non ser lóxico nen estar
adaptado á realidade municipal.

Segundo os nacionalistas, “o informe da Xunta vén a confirmar que o modelo proxectado polo
Partido Popular en Barreiros segue a ser o do boom urbanístico con recualificacións de terreos que
non atenden ás necesidades da poboación, mentras se deixa a zona interior sen solo onde poder
construir vivendas unifamiliares; ademais de pretender legalizar o desastre urbanístico que se
permitiu hai case dez anos.”

A formación frontista non se amosa sorprendida, “tendo en conta que a persoa que asinou o contrato
para a elaboración do documento inicial foi no seu momento representante público do Partido
Popular e apostou pola política urbanística de Alfonso Fuente en Barreiros tomando parte dunha
concentración de apoio ao rexidor e ao seu modelo. O traballo feito polas empresas representadas
por este señor está feito para salvar a cara de Alfonso Fuente e do PP e xa no seu momento tivo que
ser corrixido debido ás présas coas que se acabou redactando a pesares de facer máis de tres anos
que se asinou o contrato por máis de 200.000€ e ter sido presentado fóra do prazo pactado.”

Os nacionalistas consideran que o xeito de tramitar o Plan Xeral de Barreiros é boa mostra do xeito
de traballar deste Alcalde, sen ningún tipo de rigor e a impulsos para salvar as situacións. Neste
sentido tamén sinalan que “o Alcalde se comprometeu no último pleno a presentar os orzamentos do
ano 2014 no mes de febreiro sen que exista noticia ningunha dos mesmos. Outra mostra máis da
falta de seriedade e da facilidade para mentir no propio pleno municipal do rexedor barreirense”,
conclúen os nacionalistas.

Exit mobile version