Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela leva a Pleno catro mocións e preguntas sobre temas de interese para os veciños e veciñas

O Grupo Municipal do BNG rexistrou esta semana catro mocións para o seu debate en pleno, na sesión plenaria ordinaria que terá lugar este xoves ás 20:00 horas. O portavoz municipal do BNG, Mario Pillado, asegurou que “o traballo desenvolvido polo BNG nas institucións debe estar ao servizo dos intereses das maiorías e en contra das políticas antisociais postas en práctica polo PP e nese sentido van as mocións apresentadas polo Grupo Municipal do BNG”.

Pillado explicou que “todas as mocións apresentadas polo BNG son sobre asuntos de actualidade moi sensíbeis para distintos sectores da cidadanía, e que entre estes sectores afectados se atopan moitos veciños e veciñas de Burela, polo que agarda acadar o acordo unánime de todos os grupos municipais, especialmente do PP”. O Grupo Municipal do BNG apresentará tamén “unha moción en defensa do noso patrimonio cultural e polo retorno a Galiza do torques de Burela e tamén formulará preguntas sobre distintos asuntos de interese xeral para os veciños e veciñas de Burela, como o estado en que se encontra a reparación do emisario, a situación da sanidade pública e estado do centro hospitalario, sobre a reparación do faro de pena Burela ou sobre o alumeado público de Torrentes”, engadiu Pillado.

Mocións contra o desmantelamento do 065, en defensa da frota do cerco a artes menores, en apoio da ILP por unha vivenda digna e pola protección, conservación e retorno á Galiza do torques de Burela.
Unha das mocións apresentadas é “contra o desmantelamento do 065, o Servizo Galego de transporte adaptado, que atende a persoas con discapacidade e persoas dependentes”, entre os que están numerosas persoas de Burela ou doutros lugares da Mariña que acoden a Burela aos distintos servizos asistenciais.

O BNG tamén apresentará unha moción de “apoio á frota do cerco e artes menores”. As negociacións levadas a cabo para o reparto da raquítica cota asignada pola UE ao Estado Español para 2014 (29.000 toneladas de xarda e 15.000 tonelada de xurelo) foi nefesta para a frota galega, ante a indiferenza da Xunta de Galiza, que supuxo o malestar do sector ante unhas condicións que impedían a súa supervivencia. Co reparto asinado polo Goberno Galego, a frota galega, que ten 154 barcos de cerco, correspóndelle o 24,5% das cotas de xarda, mentres que a vasca, con 53 embarcacións, consegue un 50% do total das capturas. Para o BNG, o acordo acadado a pasada semana non garante a estabilidade do sector, que xa manifestou que o acordo se circunscribe a 2014 e que haberá que negociar de novo as cotas que lle corresponden a Galiza os próximos anos.

Outra das mocións apresentadas é “polo dereito a unha vivenda digna, alugueiro social, paralización dos desafiuzamentos e impulso dunha lei galega de vivenda”. O BNG quer con esta moción dar o seu apoio e asinar a Iniciativa Lexislativa Popular a prol de garantir na Galiza o dereito fundamental a unha vivenda digna e da protección dos colectivos sociais máis vulnerábeis, que aborde a paralización dos desafiuzamentos, así como favorecer o alugueiro social, a creación dun parque galego para a xestión de vivendas baleiras e a posta en marcha dunha axencia pública de alugueiro, a expropiación das vivendas a bancos, filiais inmobiliarias e outras persoas xurídicas que posúan as vivendas das persoas físicas que estean en proceso de execución ou embargadas por mor dunha situación sobrevida derivada da fonda crise económica, e a paralización inmediata dos desafiuzamentos e do estabelecemento opcional da dación en pagamento.

O Grupo Municipal do BNG apresentará unha última moción para a “protección, conservación e retorno á Galiza do torques de Burela e coxunto de bens depositados no seu día por Álvaro Xil no Museo Provincial de Lugo”. Tendo en conta a incoación do expediente de declarión de Ben de Interese Cultural da colección de ourivería prerromana de Álvaro Xil, publicado no DOG o 23 de outubro do pasado ano, o BNG requerirá dos outros grupos políticos instar á Xunta de Galiza a que adoite as medidas que marca a lexislación en materia de patrimonio para os bens declarados e actúe de inmediato para a protección e conservacións deste conxunto de ourivería castrexa. Tamén se demandará ao Goberno Galego que inicie as xestións oportunas para a volta a Galiza dos bens declarados e para a súa visita pública.

Exit mobile version