Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo acusa ao goberno local de “coartar as iniciativas da oposición presentando emendas de substitución á práctica totalidade das iniciativas que presentan”

Cervo, 17 de marzo de 2014. O BNG criticou ao goberno municipal por impedir o debate das mocións presentadas pola oposición – sete dos oito puntos da sección resolutiva foron hoxe mocións da oposición – por medio do recurso da emenda de substitución que impide a votación dos puntos de acordo presentados inicialmente, para o BNG os populares foxen do debate sobre asuntos espiñentos aplicando o rodillo deste recurso para non retratarse ante a xente.

O goberno municipal de Cervo ademais de non levar propostas ao pleno xa que todo se decide na Xunta de Goberno e só se elevan a pleno asuntos que son de obrigado acordo plenario, é incapaz de fixar posición propia sen coartar a posibilidade da oposición de presentar iniciativas ao laminalas con emendas de substitución que impiden a votación presentada inicialmente.

Para o BNG é unha curiosa forma de aplicar a intolerancia democrática do grupo de goberno en Cervo, incapaces de definirse co voto afirmativo, negativo ou abstención sobre toda iniciativa que non veña das súas propias filas.

Os nacionalistas acusaron ao PP de aplicar esa fórmula antidemocrática con dúas das tres mocións que o BNG levaba hoxe a pleno “salvando da queima unicamente a petición de derrogación do RDL 16/2013 de 20 de decembro polo que se aplica a suba das cotizacións sociais a traballadores autónomos no que se posicionaron en contra. Para a fronte nacionalista o PP continúa desta maneira dando as costas a un sector con gran implantación en Galiza que ademais de xerar emprego real sufre as consecuencias da asfixia da ausencia de crédito, constantes subas de impostos como o IBI ou o IVE, as subas enerxéticas ou o canon de auga e lixo aplicados polo goberno Feijoo.

As outras dúas mocións nas que o PP non quixo retratarse utilizando o recurso da presentación de emendas de substitución foron a contrarreforma da Lei do Aborto e a Lei de Reforma da administración Local, a primeira porque o propio PP está dividido diante dun borrador que retrotrae o dereito da muller a decidir sobre o seu propio corpo a décadas atrás e mesmo está cuestionando por amplos sectores sociais coa excepción da xerarquía católica e a segunda porque saben que esta reforma lexislativa impedirá que os concellos presten moitos dos servizos que hoxe teñen na actualidade reforzando as deputacións provinciais como ferramenta para o control político por parte dos poderes do Estado.

Exit mobile version