Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo lembra que o goberno local xa tratou noutras ocasións de facer talas masivas en Sargadelos que lle foron impedidas por Patrimonio durante o goberno bipartito

Cervo, 23 de marzo de 2014. O BNG comparou a resposta ofrecida pola edil de medio ambiente de Cervo ao xustificar a tala de 20 exemplares de árbores centenarios en Sargadelos coa tomada por George W. Bush no 2002 en Oregón quen para evitar os devastadores incendios que asolaban a zona propuxo efectuar talas masivas para acabar co problema. Os nacionalistas lembran que o goberno popular de Cervo “estaba obsesionado con facer talas masivas no BIC de Sargadelos”, intentárono noutra ocasión sen conseguilo ao atoparse coa negativa da Dirección Xeral de Patrimonio do goberno bipartito na Xunta e conseguírono agora ampliando o permiso concedido para unha tala de tres exemplares que pola súa conta e sen permiso, converteron en vinte.

O GOBERNO DO PP EN CERVO UTILIZA O MESMO CRITERIO QUE GEORGE W. BUSH, “MORTO O GATO, ACABOUSE A SARNA”
O presidente dos E.U.A. propuxo en 2002 a tala forestal masiva en Oregón como solución aos devastadores incendios que asolaban a zona naquelas datas, para Bush tratábase dunha medida preventiva lóxica “se non hai nada que arda, non hai incendios”, esta parece ser a mesma lóxica utilizada pola concelleira de medio ambiente de Cervo que xustifica a tala de vinte exemplares de árbores centenarios no Conxunto Histórico – artístico de Sargadelos para evitar que algunhas ramas caídas podan provocar danos innecesarios, “morto o gato acabouse coa sarna”.

Para os nacionalistas a actuación do goberno local ademais de inxustificada é ilegal xa que si había algún exemplar en mal estado ou ramas con perigo de caer existen medidas preventivas menos drásticas que as adoptadas e que polo extraído da documentación obrante no concello, non foron nin consultadas, non contaban cos permisos necesarios da Dirección Xeral de Patrimonio que agora debe decidir si formaliza proposta xa aprobada da Comisión Provincial de Patrimonio sobre a apertura dun expediente sancionador e a ilegalidade das actuacións. “Estamos agardando a que o goberno local empece co discurso tan traído ultimamente de que as administracións castigan á veciñanza de Cervo, cando a quen se castiga é aos seus gobernantes polas súas irresponsabilidades”.

O GOBERNO LOCAL LEVABA ANOS OBSESIONADO CON FACER A TALA QUE FINALMENTE EXECUTOU EN SARGADELOS
O goberno municipal leva anos obsesionado con facer talas masivas en Sargadelos e xa o intentaron noutras ocasións. O BNG lembra que durante o goberno bipartito na Xunta, a Dirección Xeral de Patrimomio negou a posibilidade de facelo, agora aproveitando un permiso parcial da D.X.P. actuaron sen consulta previa nin permisos, convertendo unha tala autorizada para tres exemplares centenarios en vinte exemplares “mesmo faltando á verdade no informe remitido á Xunta negando movementos de terras que si existiron e usando maquinaria pesada prohibida sobre xacementos polo perigo de danar estruturas”.

Exit mobile version