Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo non ve prioritario o investimento de 400.000 euros na remodelación do campo de fútbol municipal

Cervo, 27 de marzo de 2014.- A fronte nacionalista rexeita a intención do goberno local de utilizar case 400.000 euros do remanente de tesourería de 2013 na remodelación do campo municipal da Veiga por entender que é un investimento non prioritario no contexto actual de crise económica e de necesidades do concello. O BNG considera que as instalacións deportivas da Veiga requiren un mantemento que o concello non fixo nestes anos, pero non un investimento da magnitude que se pretende, xa que nin existe tal demanda, nin é garantía dunha maior práctica deportiva. O BNG non entende a urxencia do goberno local por esta obra e acúsao de ser insensíbel á realidade social que vivimos e ás necesidades mais perentorias do concello e da súa veciñanza.

Os nacionalistas anunciaron o seu voto contrario á modificación de créditos proposta pola alcaldía no pleno que se celebrará hoxe ás oito da tarde en Cervo pola que se pretende usar unha parte do remanente de tesourería do exercizo 2013 na remodelación das instalacións do campo de fútbol da Veiga para facer un campo de herba sintética cun investimento de 378.816,87 €.

Para a fronte nacionalista estamos diante dunha proposta “insultante e megalómana nun contexto de crise e desemprego como o que sufrimos”, con xente vivindo no concello que padece carencias en materia social moi importantes que non están a ser atendidas a pesar do risco de exclusión social, mesmo infraestruturas básicas de saneamento inexistentes na práctica totalidade das parroquias do territorio municipal que o goberno local semella ignorar.

Os nacionalistas lembran que o concello de Cervo segue tendo unha débeda principal situada en mais de cinco millóns de euros – 1.237 euros por habitante – , con cinco créditos bancarios en vigor que lle obrigan este ano a abonar mais de 600.000 euros entre amortización de principal e xuros. Por outra banda a mala situación económica do concello supuxo ter que sumarse a un Plan de Axuste durante 10 anos que obrigou a cargar sobre a sociedade incrementos moi cuantiosos en taxas e impostos municipais, froito dunha época de despilfarro económico sen límites nos momentos álxidos da burbulla inmobiliaria.

Por último, dende o BNG, quixeron deixar claro que as infraestruturas deportivas municipais son importantes e deben manterse en bo estado pero constatan que no caso do campo de fútbol municipal non se detecta a necesidade perentoria de substitución do céspede natural por outro artificial, senón mais ben o seu adecuado mantemento e unha actuación puntual na zona de gradas e vestiarios que require dalgunhas obras de mellora.

Exit mobile version