Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG interésase no Parlamento pola situación do Hospital da Costa

Cosme Pombo Rodríguez e Montserrat Prado Cores, deputado e deputada do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, formulan a seguinte Interpelación, relativa á situación da atención sanitaria na zona da Mariña de Lugo.

A posta en marcha da Área de Xestión Integrada de Lugo foi duramente criticada e rexeitada tanto na zona da Mariña como na Zona de Monforte de Lemos….. Varias manifestacións multitudinarias, tanto en Lemos como na Mariña, protestaron por entender que a centralización da xestión hospitalaria en Lugo sería moi prexudicial para as dúas comarcas.

O propio presidente, Sr. Feijoo, fixo varios pronunciamentos comprometéndose a manter as áreas da Mariña e de Monforte e empeñando a súa palabra en que non se integrarían na Área de Lugo, máis a palabra do presidente de pouco valeu neste caso.

O Grupo Parlamentar do BNG naquela altura xa denunciara que, de impoñerse a Area Única de Xestión Integrada, supoñería un grave deterioro da sanidade pública, empeoraría a calidade asistencial e comezaría o camiño da privatización.

O BNG advertiu dun efecto devastador na atención primaria de toda a provincia, atención primaria que se vería debilitada en recursos, que vería debilitada a interdisciplinariedade das equipas dos centros de Saúde e a súa relación coa atención especializada hospitalaria.

O BNG denunciara que unha xerencia integrada en Lugo eliminaría os investimentos prometidos, tanto nos centros de saúde como no propio Hospital da Costa. A maiores tamén denunciara que unha xerencia integrada en Lugo ía supoñer unha redución de profesionais dalgunhas especialidades médicas, co cal implicaría desprazamentos da maior parte da poboación actual da Mariña e de Lemos ata a capitalidade provincial.

O BNG denunciara, tamén, a masificación do HULA e o aumento da derivación de pacientes cara á sanidade privada.

Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Parlamentar do BNG xa formulou unha proposta de instar á Xunta de Galiza a “Manter as áreas sanitarias de Monforte e A Mariña con todas as competencias e servizos que tiñan naquel intre (22/II/2013)”

O Partido Popular, para tentar confundir á cidadanía, comezou unhacampaña destacando que se ampliarían os Hospitais Comarcais, e anunciando a posibilidade de que os Hospitais de Burela e Monforte poderían contar con unidades de tratamento de quimioterapia, que se achegarían os servizos sanitarios e novas especialidades aos Hospitais Comarcais, que seguirían contando con autonomía, que dispoñerían de máis persoal e que ofertarían máis e mellores servizos sanitarios.

Mesmo a xerencia sanitaria provincial anunciou o tratamento con quimioterapia no Hospital de Burela no ano 2013.

Tamén o Parlamento galego adoptou o acordo (co voto favorábel do BNG) para instar á Xunta para que no Hospital da Costa funcionase o tratamento con quimioterapia para que os máis de 100 veciños da mariña usuarios do servizo puidesen recibilo sen ter que desprazarse.

A semana pasada, a maior parte do persoal facultativo do Hospital da Costa (Burela) fixo público un comunicado no que denuncian que o feito de centralizar a xestión sanitaria da provincia na cidade de Lugo, está restando servizos, medios e capacidade resolutiva ao Hospital da Mariña; está a representar un presunto maltrato asistencial aos máis de 70.000 cidadáns/ás que atende o Hospital da Costa, porque cada vez viaxan máis para recibir a asistencia que antes recibían en Burela.

Todo isto sen que “supoña aforro de fondos públicos”, mentres aos usuarios non lles queda outro remedio que gastar máis.

O Grupo Parlamentar do BNG comparte a opinión do persoal facultativo cando denuncian a degradación do sistema sanitario público da comarca e o incumprimento das promesas sobre: a ampliación do Hospital, a posta en marcha do Hospital de día Oncolóxico, o achegamento da sanidade ao doente e a perda de persoal facultativo sanitario e administrativo de atención primaria e especializada.

O BNG entende que o Goberno Galego debe dar explicacións diante do manifesto deterioro da sanidade pública da comarca da Mariña que provoca a indignación dos mariñaos.

Polo exposto, formulamos a seguinte Interpelación:
1.- Considera a Xunta que está cumprindo coas súas obrigas en materia de atención sanitaria pública?

2.- Considera o Goberno Galego que está a cumprir coas súas obrigas en materia de atención sanitaria pública á zona da Mariña Luguesa, cando a maioría do persoal facultativo do Hospital da Costa está a denunciar que se está a prexudicar a 70.000 mariñaos?

3.- Que consideración lle merece ao Goberno Galego as denuncias públicas da maioría do persoal facultativo do Hospital da Costa sobre a perda de servizos, medios e capacidade resolutiva deste Hospital?

4.- Que consideración lle merece ao Goberno Galego a denuncia de falla de autonomía do funcionamento do Hospital e a denuncia de que se está a obrigar aos doentes a maiores desprazamentos?

5.- É consciente a Xunta de Galiza da indignación que produce na cidadanía o anuncio da posta en marcha no Hospital de Burela dunha unidade de atención aos pacientes de cancro e que, coma sempre, se converte nun novo incumprimento do Goberno do Partido Popular, nun tema tan sensíbel para a poboación?

6.- Cando será realidade o Hospital oncolóxico da Mariña para poder atender ás máis de 100 persoas que, actualmente, se ven na obriga de ter que desprazarse para recibir o tratamento que se lles prometera?

7.- Que medidas tomou o Goberno galego despois do acordo Parlamentar do mes de outubro que propoñía evitarlle os desprazamentos a Lugo ou Coruña aos veciñ@s da Mariña que precisasen tratamento de quimioterapia?.

8.- Cal é a concreción práctica do referido acordo parlamentar?

Exit mobile version