Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG organiza un encontro co sector pesqueiro da comarca para analizar o seu papel como xerador de emprego

A Mariña, 29 de marzo de 2014. O Bloque Nacionalista Galego da Mariña vén de presentar na tarde de hoxe o encontro co sector pesqueiro que celebrará o vindeiro sábado, ás 17:30h, na Confraría de Burela.

A responsábel comarcal do BNG, Ana Ermida, indicou que “o que pretendemos con este encontro é poñer sobre da mesa a importancia do sector pesqueiro na Mariña. A pesca é un sector que a día de hoxe, a pesares dos continuos atrancos que se lle poñen desde a Unión Europea e o goberno central co beneplácito do mal chamado goberno galego, segue a ser unha das maiores fontes de riqueza da nosa comarca. Non só a nivel económico, situándose os portos da Mariña nos primeiros postos de facturación de Galiza; senón tamén en xeración de emprego tanto directo como indirecto.”

Esta xornada plantéxase como un encontro no que se valorará a relevancia do mundo da pesca na comarca, por iso, desde o BNG, convidan a asistir non só ao sector pesqueiro propiamente dito; senón tamén a todos os sectores nos que a pesca ten unha incidencia fundamental. Explican os nacionalistas que “tratándose dun sector economicamente tan relevante a súa incidencia chega a todos os sectores: desde o sector do transporte e transformación e comercialización ata o propio comercio local, xa que os ingresos xerados polo mar, revirten en terra.” Por iso, tamén están convidadas as ACIAS da comarca, as asociacións de transportadores, as transformadoras e comercializadoras e calquera persoa ou colectivo que teña interese en asistir.

Para analizar estas cuestións, os nacionalistas contarán coa presenza da candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda; co deputado de pesca do BNG, Daniel Rodas e co Portavoz Nacional da fronte, o economista Xavier Vence.

O portavoz municipal do BNG en Burela, explicou que “non se trata só de valorar o que supón este sector nos concellos pesqueiros ou na comarca, senón de analizar por onde pasa o seu futuro e por reclamar que sexa tido en conta á hora de deseñar as políticas e priorizar as inversións.” Como exemplo, Pillado sinalou que o peixe dos portos de Burela e Celeiro segue saíndo polas mesmas vías de comunicación de hai 30 anos. Dous dos puntos de xeración de economía e emprego máis importantes da comarca seguen illados, despois de que os gobernos galego e estatal incumpran reiteradamente as súas promesas no relativo, por exemplo, ao corredor Barreiros-San Cibrao e á súa continuación ata Ferrol por parte da Xunta.”

Os nacionalistas afirman que “a pesca é parte fundamental da nosa vida, da nosa comarca, polo que a súa defensa fronte ás políticas europeas e estatal que a discriminan continuamente é unha obriga para os representantes que se dignen de calificarse como galegos. O sector pesqueiro galego ten a suficiente entidade como para que nas negociacións das políticas sexa tido en conta e non ninguneado, como veñen de facer o goberno español e os representantes do goberno da Xunta co reparto das cotas do cerco”, conclúen desde o BNG.

Exit mobile version