Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS B prosegue na súa conta triunfal

O Burela FS Pescados Rubén B encadeou o sábado o seu quinto triunfo consecutivo na busca do podio de Terceira División. O cadro laranxa impúxose nun emocionante derbi comarcal a Pizzería A Fuga SD Xove FS (5-3) nun encontro no que o protagonismo goleador se fixo esperar ata a segunda parte.

A escuadra dirixida por Iván Cao, Lucas, asumiu o peso do partido dende a bucina inicial, xerando moito perigo, aínda que o Xove tamén dispuxo de ocasións, apoiándose na defensa en media pista. O único gol da primeira parte subiu ao marcador da autoría do burelista Manu (1-0) no minuto 7. A nota máis amarga tamén se cumpriu nos primeiros minutos, coa retirada de Antón Couto na súa reaparición tras a lesión de clavícula; o xogador viuse obrigado a saír da pista por molestias na zona afectada tras o choque cun rival.

Os erros condicionaron o segundo período. O Burela FS B aproveitou os desaxustes dos xovenses para ampliar distancias ata o 3-0, con tantos de Alemán (minuto 24) e Antón González (minuto 27). Roldando o ecuador desta parte, o Xove puido reducir distancias, con Quelle, aproveitando un saque de banda. O electrónico volveu axitarse por ambos os bandos en superioridade númerica para os laranxas; no 32, Víctor comeu terreo co 3-2, pero no 34 Manu reaccionou para o 4-2. A falta de tres minutos para o final, o Xove FS decantouse pola figura de porteiro-xogador e conseguiu aproximarse de novo aos burelistas no 39, con gol de Fran. No entanto, nos últimos segundos Antón González puido pechar o resultado, co 5-3 definitivo.

Como próximo compromiso o Burela FS B visitará a pista do 5Coruña FS esta semana, a falta de cinco xornada para o remate ligueiro.

Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén B: Brais, Manu, Keko, Antón González e Alemán, no cinco inicial; tamén xogaron Hélder, Antón Couto, Pancho, Aitor e Javi

Pizzería A Fuga SD Xove FS: Pulido, Dani López, Nete, Iago e Víctor, no cinco inicial; tamén xogaron Piqueiras, Quelle, Brais e Fran

Goles: 1-9, minuto 7, Manu; 2-0, minuto 24, Alemán; 3-0, minuto 27, Antón González; 3-1, minuto 30, Quelle; 3-2, minuto 32, Víctor; 4-2, minuto 34, Manu; 4-3, minuto 39, Fran; 5-3, minuto 40, Antón González

Exit mobile version