Site icon Crónica3.com A Mariña

O Centro de Interpretación da Cultura dos Pazos Galegos inaugura as súas instalacións na fortaleza laurentina de Tovar rehabilitada

280314 Foto Pazo de Tovar (1)Lourenzá, 28 de marzo de 2014. A rehabilitación da Fortaleza de Tovar, onde se creou o Centro de Interpretación da Cultura dos Pazos Galegos, foi inaugurada este venres. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, calificou a xornada como un día histórico para os laurentinos.

“Hoxe vimos de inaugurar as obras de rehabilitación do Pazo de Tovar. Sen dúbida para os laurentinos é un día histórico posto que unha xoia patrimonial do concello volve brillar no noso val. Todos os que fixemos posible este feito agardamos devolver ao Pazo de Tovar o esplendor que tivo no pasado. Este proxecto é un exemplo de colaboración público privada que, de seguro, redundará en consolidar A Mariña lucense como un xeodestino para os turistas, porque o turismo é unha obra colectiva na que participamos todos: as administracións, o sector privado, o comercio, o mundo da cultura, a restauración, dende a cidade moderna ata a aldea máis tradicional, como é o caso do lugar no que se atopa Tovar, un val fértil onde se cultivan as afamadas fabas de Lourenzá e que hoxe, máis que nunca, se mestura co lema do noso concello, Onde a Natureza é Arte. Estamos nunha terra Máxica por Natureza, lema da Mancomunidade de Municipios da Mariña lucense, terra que mestura campo e mar, cultura e tradición, patrimonio e paisaxe, festa e gastronomía; e que serve de atractivo para aqueles turistas que nos elixen, fuxindo do estereotipo de sol e praia, e se achegan á nosa comarca coa visión dunha cidade lineal que alberga distintas posibilidades para pasar varios días, para volver e para recomendar as nosas terras como destino. Porque o que vén á Mariña faise da Mariña, convértese en mariñán de adopción e embaixador do noso pobo, porque somos veciños afables que permanecemos a cotío cos brazos abertos”, manifestou a rexedora municipal.

Emma Álvarez tamén destacou que “esta inauguración que celebramos materialízase ademais nun ano especialmente significativo para o patrimonio do noso concello. Neste 2014 conmemórase o 65 aniversario da inclusión do castelo de Tovar (esta é a denominación que recibía entonces) no ámbito de aplicación do decreto de protección de castelos a nivel estatal. Así mesmo en relación co Pazo de Tovar, paradigma da arquitectura civil gótico isabelina en Galicia, conmemórase o vixésimo aniversario do seu recoñecemento individualizado como ben de interese cultural. Este monumento espertará de por si un grande interese turístico e estou segura de que servirá como elemento dinamizador do noso concello e contribuirá tamén a dinamizar a comarca, non só pola escaseza deste tipo de edificacións en toda a provincia senón tamén pola situación privilexiada que ten dentro da nosa cidade lineal de A Mariña e tamén por atoparse preto doutro ben de interese cultural que honra ao noso concello: o Mosteiro de San Salvador, para o que tamén é un ano importante posto que o vindeiro 30 de agosto cumpriranse 40 anos da súa declaración como ben de interese cultural”.

A alcaldesa engadiu que “a recuperación do Pazo de Tovar e a constitución do Centro de Interpretación da Cultura dos Pazos en Galicia, labor conxunta da iniciativa privada, das administracións públicas e do mundo académico, fornecerá, sen dúbida, unha nova clave de lectura do territorio e do patrimonio e identidade cultural do noso concello. A súa inauguración hoxe é unha mostra máis da nosa especial sensibilidade cara a esta faceta da nosa realidade, e un testemuño fiel do noso compromiso colectivo e institucional coa recuperación do pasado, ferramenta clave para entender o presente e encarar con seguridade o futuro”.

“Dende o Concello de Lourenzá agardamos que o Pazo de Tovar e o Centro de Interpretación se transformen nun instrumento de progreso local, converténdose nun ítem para a ensinanza e a investigación, pero tamén nun punto de referencia cultural e social comarcal, sendo así mesmo altamente relevantes as súas potencialidades no ámbito turístico mariñao. E, xa para rematar, como alcaldesa só me queda ofrecer a colaboración do Concello para que este espazo sexa un lugar de encontro de diversos colectivos sociais, que poidan atopar en Tovar un espazo para realizar as súas actividades sociais ou culturais e tamén para os proxectos que entidades de índole superior queiran traer ao noso concello”, rematou a rexedora.

Ao acto asistiron o deputado no Congreso Jaime de Olano, os deputados provinciais Lara Méndez, Alfredo Llano e Elena Candia, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, Alfonso Fuente; o alcalde de Trabada, José Manuel Yanes Ginzo; varios membros da corporación de Lourenzá; e Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, que é o delegado do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CISC) e director do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Desta entidade tamén estiveron Antón Pazos e Carlos Andrés González Paz, que foi o guía na visita realizada ao Pazo de Tovar despois de rematar a inauguración.

Exit mobile version