Site icon Crónica3.com A Mariña

O Comité de Vestas critica que “a empresa pretenda que esteamos á súa disposición absoluta”

Despois de 15 reunións para negociar o convenio colectivo de Vestas (Chavín), das que 4 foron con mediador, o comité de empresa explica que “chegamos ao punto de decidir si o persoal desta empresa acepta a última proposta da empresa que podemos resumir en 2 puntos: o incremento salarial (1,2% ano 2013 e 1,4% ano 2014) sen revisión e unha flexibilidade de xornada de 200 horas anuais, divididas en tres tramos, que poderían ser subdividos en máis de 15 tramos, cunha prolongación da xornada en 2 horas en xornada normal de luns a venres, tanto en xornada partida como o persoal a quendas -sendo este último o maioritario- ou xornadas completas en sábado”.

“Este último punto é o peliagudo” aseguran dende o Comité de empresa; xa que “pretende a empresa que esteamos á súa disposición absoluta, a conciliación da vida laboral e familiar queda anulada. E por unhas compensacións miserentas (1º tramo 0,55€/h; 2º tramo 0,88€/h; 3º tramo 1,00€/h.). Os sábados (1º tramo 16,50€/xornada 8 h.; 2º tramo 19,00€/ xornada 8 h; 3º tramo 21,00€/ xornada 8 h.)”.

“Hai que ter en conta que a flexibilidade de xornada que actualmente temos no convenio é de 128 hs. divididas en 2 tramos, cunha prolongación da xornada de 1 hora, con unha compensación de (todo o tempo a 2,75€/h), e os sábados 85,00 €/xornada)”, recordan o presidente e o vicepresidente do Comité, Julio López e Emilio López, respectivamente.

“É obvio que a diferenza en contra do persoal é grande, e aínda que os incrementos se poida pensar que son máis altos que os que se veñen pactando noutros convenios, e que polo tanto compensan, os números son fríos e non enganan”, afirman.

O vindeiro xoves celebrarase unha asemblea decisiva e o persoal terá que pronunciarse a favor ou en contra desta proposta.

Nese sentido, recordan que “esta negociación, non só foi moi longa, senón que foi con mala fé por parte da empresa, dado que logo de ter un preacordo ca mediación do AGA, decidiu que non lles chegaba con chucharnos ¼ da nosa sangue, senón que quería deixar a vía aberta para tirar da que lles petara”.

Dende o Comité agardan que “o persoal participe e se involucre na toma de decisións que lles afectarán, que vote con coherencia e non se deixe influenciar polas “insinuacións-presións” que os mensaxeiros da “paz” van predicando”.

Exit mobile version