Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela ampliará a marxe de colaboración cos colectivos implicados na loita contra a violencia de xénero

Burela, 6 de marzo de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, anunciou que o Concello ampliará nos vindeiros meses a marxe de colaboración cos colectivos implicados na loita contra a violencia de xénero. Este foi un dos asuntos abordados na xunta local de seguridade que se celebrou este mediodía presidida polo subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e polo propio rexedor.

O alcalde burelés destacou “a estreita colaboración que hai entre Garda Civil e a Policía Local e que está a dar os seus froitos desde o punto de vista da coordinación e da unificación de esforzos. Tamén quero subliñar a vinculación que ten o Concello de Burela con aspectos como a prevención e a loita contra a violencia de xénero. Somos un dos poucos Concellos que firmamos un convenio co Ministerio de Interior para o tratamento dos casos de violencia de xénero, e a verdade é que estamos bastante satisfeitos de cómo se está a desenvolver”. González Barcia indicou que “é probable que en datas próximas teñamos novidades porque a intención do equipo de goberno e da Alcaldía é seguir traballando nese tema. Somos conscientes de que as capacidades económicas son moi limitadas, pero é moi probable que ampliemos a marxe de actuación do Concello e que ampliemos a marxe de colaboración con colectivos implicados na violencia de xénero”.

O alcalde de Burela tamén subliñou “a implicación do Concello no programa Mayor-Seguridad, do Ministerio de Interior. Xa organizamos aquí en Burela charlas para informar á terceira idade e aquelas persoas que viven soas das medidas que teñen que adoptar para garantir a súa seguridade, en aspectos relativos non só á súa vivenda, senón tamén no ámbito bancario ou da privacidade en internet. Estamos moi satisfeitos da colaboración que estamos a obter da Subdelegación do Goberno e nesa liña de actuación continuaremos”.

Comité de empresa da antiga Ecesa
O alcalde mantivo tamén esta mañá un encontro no Concello co comité de empresa da antiga Ecesa. José Mª González Barcia explicou que “a reunión produciuse a petición do propio comité de empresa para tratar a situación actual pola que están a atravesar. O comité expúxonos os seus motivos e as súas preocupacións en canto á actividade da empresa e por parte da Alcaldía o que lles fixemos chegar é a disposición do alcalde e do equipo de goberno de colaborar con todas as partes implicadas para tentar buscar solucións e que a actividade empresarial non se paralice”.

E engadiu que “nos auto propuxemos, sen ter competencias e sen ter capacidade de decisión ao respecto, para servir de canle e coordinación entre as partes, tentar buscar solución e que –como dicía- a actividade empresarial non se paralice. A xuntanza foi cordial e quedamos en seguir mantendo contacto ao longo das vindeiras semanas”.

Exit mobile version