Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo apoia a labor da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña con 9.000 euros

entrega_chequeCervo, 27 de marzo de 2014.- O Concello de Cervo vén de facer entrega dun cheque por valor de 9.000 euros á Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña. Un importe co que a administración local pretende “contribuír e apoiar a esta entidade tendo en conta o labor tan necesario que fan na nosa sociedade” asegura a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, que estivo presente no acto no que tamén participou o alcalde, Alfonso Villares e a presidenta da asociación, Iris Castro.

Unha axuda que a entidade destinará a cubrir gastos correntes así como aqueles derivados das múltiples actividades que se levan a cabo nos seus centros, como é o caso da unidade residencial que abriu a finais do ano pasado en Cervo. Armada destacou tamén que a asociación “abarca todos os campos de axuda, dende a reinserción psicosocial e laboral pasando pola atención psicolóxica e social ou a aprendizaxe de habilidades da vida diaria e utilizando para iso métodos didácticos e amenos”.

Ao longo de 2013 a entidade ofreceu numerosos obradoiros dirixidos a mellorar as capacidades laborais dos usuarios, pero tamén a potenciar a súa autoestima, habilidades cognitivas ou o traballo en equipo, como foi o caso dos obradoiros de carpintería, ebanistería, construción de xoguetes de madeira e mosaicos, manualidades, costura, xardinería ecolóxica, informática, xabón ou cantería.

Da mesma maneira, a asociación celebra cos usuarios multitude de festas, fomenta a práctica de deporte e exercicio físico así como a participación en excursións. Unha entidade fundada no 1999 por cinco familias e que na actualidade ten 200 socios e 56 usuarios.

Esta axuda de 9.000 euros enmárcase no obxectivo do Concello de colaborar e axudar ás asociacións do municipio e así favorecer a súa actividade e dinamismo.

Exit mobile version