Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello e asociacións únense para poñer en marcha o acto central polo Día da Muller Traballadora en Cervo

Cervo, 1 de marzo de 2014- Por segundo ano consecutivo, o Concello de Cervo e as tres asociacións de mulleres do municipio traballaron de forma conxunta para poñer en marcha o acto central do Día da Muller Traballadora, que se celebrará o 7 de marzo. Este sábado reuníronse para dar a coñecer o cartel, un acto no que estiveron presentes a edil de Igualdade, Pilar Armada, e representantes das diferentes entidades: Asociación Mulleres de San Ciprián, Alborada e Mulleres Rurais As Espalladoras.

Un programa que inclúe eventos e actividades ao longo de todo o día, comezando ás 18 horas na Casa do Mar cunha homenaxe á Muller cervense, o Café Bombón, e o concurso “A mellor amiga”, no que as participantes terán que responder preguntas sobre as súas compañeiras.

As actividades continuarán no Auditorio da Casa da Cultura a partir das 20 horas coa actuación do grupo de Tai-Chi que organiza a Asociación Alborada. Ao remate o grupo Mar Aberto ofrecerá “Cantos para Mulleres”. Os actos trasladaranse ao Restaurante Buenavista a partir das 22 horas coa Cea de Mulleres organizada polo Asociación Mulleres de San Ciprián. Nela, haberá sorteo de agasallos e entrega de premios do Campionato de Tute e Parchís.

A noite rematará co Gran Baile que se ofrecerá a partir das 00:00 horas na Casa do Mar organizado pola Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras.

Para poder participar nestas actividades é preciso apuntarse. O prazo está aberto ata o día 6 de marzo e a inscrición pódese realizar na Casa da Cultura ou no teléfono 691 65 66 00. A edil de Igualdade asegura que “resulta moi positivo e frutífero que todas as asociacións de mulleres do municipio e o Concello traballemos xuntos para conseguir un programa atractivo e completo”.

Exit mobile version