Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz pon en marcha unha campaña de compostaxe doméstica

Foz, 27 de marzo de 2014.- O Concello de Foz pon en marcha unha campaña de compostaxe doméstica para a que disporá de 55 composteiros. A partir de hoxe os interesados en recibir un deles poden solicitalo na oficina municipal de medio ambiente.

O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, explicou que “no Concello de Foz poñemos a disposición de todos os veciños, sobre todo daqueles que teñen vivendas unifamiliares, moitos deles na zona rural, 55 composteiros aportados pola empresa Sogama dentro dun convenio coa Mancomunidade de Municipios da Mariña lucense. Concretamente a Foz tocáronlle 55 composteiros e vamos iniciar esta nova campaña de compostaxe doméstica tratando de reducir o custe do recibo de Sogama e tamén para dar un servizo que eu creo que é interesante para mellorar a reciclaxe apostando pola compostaxe”.

O rexedor municipal engadiu que “de inicio vamos repartir eses 55 composteiros pero se hai máis demanda trataremos de que todos aqueles que o soliciten poidan ter un composteiro. A partir de hoxe todas aquelas persoas que queiran probar este sistema, sobre todo os que teñan a posibilidade de facer compost nunha finca ou nunha horta, poden solicitalo no Concello, concretamente na oficina de medio ambiente, que está no Cenima. Esperemos que este programa de compostaxe teña demanda para tratar entre todos de mellorar a reciclaxe e reducir o custe da factura dos tratamentos de residuos”.

Exit mobile version