Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Lourenzá renovou o convenio coa Asociación Cultural Osorio Gutiérrez para a xestión da Escola Municipal de Música e Danza

Lourenzá, 4 de marzo de 2014. O Concello de Lourenzá renovou o convenio coa a asociación cultural Osorio Gutiérrez para a xestión da escola municipal de música e danza, que actualmente ten 30 alumnos.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, anunciou a firma “dun novo convenio de colaboración entre o Concello de Lourenzá e a asociación cultural Osorio Gutiérrez para a xestión da escola municipal de música e danza. En nome da asociación asinou a súa presidenta, María José Freire García”.

A rexedora municipal explicou que a asociación Osorio Gutiérrez “leva xa décadas funcionando no noso concello, facendo un labor moi importante para dar a coñecer a tradición da música e do baile galego aos máis pequenos e tamén recompilar dos máis maiores antigas cancións típicas das nosas terras. Esta asociación tivo un parón no tempo, pero dende mediados da década pasada xa está ao fronte desta escola municipal de música e danza a través dun convenio asinado co anterior alcalde para facer os labores propios desta escola”.

Emma Álvarez engadiu que o obxectivo principal deste convenio “é proporcionar aos nenos e aos adultos que o desexen as nocións básicas para poder gozar dunha tradición cultural arraigada ao noso país e ao noso concello, como é o baile e a música folclórica. Na actualidade son 30 os alumnos que ten a escola, divididos en tres grupos: pandeireteiras, gaita e percusión e baile tradicional. Este convenio muda varios aspectos, pequenos detalles, nos que cabe destacar a forma de pago, xa que ata o momento non estaba permitida a domiciliación bancaria da taxa e con este convenio permitimos que sexa un pago domiciliado, unha demanda que pais e nais estaban a facer. A taxa que neste momento teñen as escolas é de 18 euros por persoa e mes; e no caso de familias, 30 euros ao mes”.

Ademais a alcaldesa comentou que “o Concello, como titular do servizo, pon a disposición da asociación un local, que está anexo ao polideportivo, onde se impartirán as clases de música e canto, e tamén o uso e disfrute do polideportivo municipal os venres de 18 a 22:30 horas para os ensaios de baile. Ademais o local de ensaio regúlase no propio convenio como sede da asociación, para que teñan un lugar de reunión así como de almacén de pertenzas ou mesmo de oficinas”.

Álvarez Chao augura que “a traxectoria que ten a asociación Osorio Gutiérrez faga que esta tradición non se perda e que poidamos contar con novos gaiteiros, pandeireteiras e tamén cun nutrido grupo de nenos, nenas e adultos que interpreten os nosos bailes tradicionais.

Exit mobile version