Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo convoca o XV Premio de Poesía Díaz Jácome e o III Premio Manuel Leiras Pulpeiro

O Concello de Mondoñedo, co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, convoca o XV Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores e o III Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro.

O primeiro dos certamen ten como obxectivo estimular a creación poética entre os mozos e mozas. Deste xeito, poderán optar ó premio tódalas persoas, de idade non superior a trinta anos, calquera que sexa a súa nacionalidade.

Os poemas serán orixinais e inéditos, escritos en galego, non premiados noutros concursos en data anterior ó fallo do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou declarado deserto o premio. As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos, o tema e o metro queda a elección do compositor.

Deberán presentarse tres orixinais en tamaño DIN A4 mecanografados a dobre espazo. Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición algunha que puidera suxerir o nome do autor, sendo presentados cun lema e título. En sobre aparte e cerrado, constará o lema e o título no exterior, e no interior o nome e apelidos do autor, domicilio, teléfono, poboación de residencia, declaración formal de que a obra é inédita, fotocopia do DNI polas dúas caras ou no seu defecto fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso e incluirase tamén unha breve nota biográfica do autor e o título do poema. O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ó disposto nesta base.

O prazo de admisión de orixinais remata o día 11 de xullo do ano 2014, considerándose incluídas neste prazo as obras que enviadas por correo ostenten o mataselos de orixe con esta ou anterior data.

Pola súa banda, o III Premio Manuel Leiras Pulpeiro, ten a finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores.

Nese senso, poderá concorrer ó premio calquera persoa física que presente a súa obra en lingua galega, conforme ás normas ortográficas vixentes e sancionadas pola RAG.

Os poemas serán orixinais e inéditos tanto en soporte impreso coma dixital e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior ó fallo do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou declarando deserto o premio. As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos e serán de tema libre.

Deberán presentarse catro copias en tamaño DIN A4 impresas a dobre espazo. Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición ningunha que puidese suxerir o nome do autor ou autora, sendo presentados cun lema e título. En sobre á parte e cerrado constará o lema e o título no exterior e, no interior, o nome e apelidos do autor ou autora, domicilio, teléfono e fotocopia do DNI polas dúas caras ou, de ser menor, fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso. O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ó disposto nesta base.

O prazo de admisión de orixinais remata o día 11 de xullo do ano 2014, considerándose incluídas neste prazo as obras que, enviadas por correo, presenten selo postal de orixe con esta ou anterior data.

O Xurado, que estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e mais un representante do concello con voz e sen voto que actuará como secretario, emitirá o seu fallo en outubro de 2014. A decisión do Xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada ós autores seleccionados mediante correo certificado.

A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo no outono. No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuízo do Xurado para a obtención dos premios ou non tivesen a categoría suficiente, poderán declararse desertos.

Este concurso consta de tres premios: 1500, 600 e 300 euros, placa e diploma; respectivamente. O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Os orixinais que obteñan premio pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello de Mondoñedo, para a primeira edición da obra, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. Mentres que as obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.

O fallo do Xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como canta decisión adopte o Concello de Mondoñedo para que as mesmas poidan ser interpretadas e aplicadas.

As obras para ambos certamen deberán enviarse, indicando o certame ó que concorre, ó seguinte enderezo:

Concello de Mondoñedo
Praza do Concello, 1
27740 Mondoñedo (Lugo).

Exit mobile version