O rexedor explicou que “durante a xornada de hoxe estamos facendo uns pasos elevados, uns pasos de peóns novos, que veñen resolver algunhas problemáticas que viñamos detectando hai tempo, algunhas delas suxeridas pola Policía Local, e outras suxeridas polos veciños. Trátase da avenida de Rosalía de Castro, da Faxarda, tamén nun dos accesos ao polígono industrial en Dompiñor e nas inmediacións do IES Ribadeo na avenida de América”.
Fernando Suárez contou que “nestas zonas ás veces os coches acadan velocidades inapropiadas para andar por cascos urbanos e entón faise necesario construír pasos elevados. Durante o día de hoxe diversa maquinaria estará traballando en varios puntos da vila, haberá molestias, pero redundará nunha mellor seguridade para os veciños e os viandantes. E será un toque de atención para os condutores, que non poden andar a velocidades que non son axeitadas en ámbitos urbanos”.
O Concello tamén procede nesta xornada a repoñer o pavimento nunha parte da avenida de Rafael Fernández Cardoso, na que había moitas fochas (baches).