Site icon Crónica3.com A Mariña

O desfile de Entroido de Foz bateu récord de participación a pesar da choiva

Foz, 3 de marzo de 2014. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, destacou este luns que o desfile do Entroido celebrado o pasado sábado bateu récord de participación e congregou a numeroso público nas rúas da vila a pesar da choiva. Os actos continúan hoxe co Baile do Farolillo; mañá, martes, haberá festa infantil organizada pola asociación de amas de casa, e o venres rematarán as actividades coa Queima do Entroido.

“Dende o Concello de Foz estamos tremendamente satisfeitos polo resultado dos actos do Entroido, sobre todo o día grande, que foi o pasado sábado coa celebración da XXXIII edición do desfile de Carnaval. Quedamos verdadeiramente satisfeitos pola participación, que bateu récords a pesar das inclemencias meteorolóxicas, pero tamén da presenza de visitantes, que coparon ese día o pobo. Non só houbo moita xente no momento do desfile senón tamén antes e despois. A hostalería deu comidas e ceas e en xeral foi un día moi satisfactorio para todos: para alegría de todos os focenses e dos que nos visitaron e tamén para todos aqueles que traballaron, porque foi un día bo para comercios, bares e restaurantes de Foz”, explicou o rexedor municipal.

Javier Castiñeira agradeceu “a todos aqueles que participaron na organización dese tremendo desfile, en particular Protección Civil de Foz e de Barreiros, que mandou máis de doce efectivos, Policía Local, traballadores municipais e a todos que patrocinaron os premios deste evento: o primeiro de carrozas foi patrocinado por Acia Foz; o segundo, por Comfica; e o terceiro, pola empresa de servizos sociais San Roque; en comparsas o primeiro premio foi doado pola empresa Primera Calidad; o segundo, pola estación de servizo de Foz; o terceiro, por Activity Center; e o cuarto, por Peixería Don Mexilón. Ademais varias perruquerías colaboraron co peiteado da raíña e das damas e Retales Pura, que participou no vestido da raíña. Outros moitos colaboraron na revista do Entroido, que serve tamén para o financiamento desta festa, que é parte importante do noso pobo. Os veciños son os que fan o Entroido, involúcranse e todos sabemos que este festexo forma parte da nosa idiosincrasia e que é algo que nos identifica aquí, en Foz, e que cada ano se supera”.

Ademais o alcalde deu o parabén “a todos os participantes, aos que levaron premios e aos que non os lograron, porque houbo moita creatividade e ilusión. Polo tanto síntome tremendamente orgulloso de cómo están transcorrendo os Carnavais de Foz”.

Castiñeira rematou lembrando que o Entroido focense “aínda non rematou, pois hoxe temos o Baile do Farolillo a partir das once da noite; mañá, martes, haberá festa infantil ás cinco da tarde organizado pola asociación de amas de amas; e o final destes actos será o venres, cando teremos a Queima do Entroido, como todos os anos. Por iso invito a todo o mundo a seguir gozando do Carnaval de Foz e a seguir facéndoo con moita ilusión e creatividade, polo que están sendo uns grandísimos festexos”.

Exit mobile version