Site icon Crónica3.com A Mariña

O forte temporal no mar arrincou a sinalización luminosa do Faro de Burela deixándoo moi danado

Burela, 3 de marzo de 2014. O forte temporal no mar arrincou a sinalización luminosa do faro de Burela e deixouno moi danado. As autoridades competentes foron informadas do ocorrido e será o Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra o que advirta ao tráfico marítimo deste problema. O Concello pechou ao tráfico peonil os paseos de A Marosa e O Cantiño.

O rexedor sinalou que “a esta hora, con todas as reservas que temos que ter porque haberá que ver entre mañá e pasado, cando o temporal amaine, todos os efectos que causou, o máis importante e impactante e ademais é un feito histórico é a práctica desaparición do faro de Burela, que é un emblema tanto do escudo como da bandeira do Concello. Quedou moi deteriorado, a parte superior, onde estaba a sinalización luminosa, desapareceu e o queda da estrutura do faro está moi deteriorada porque quedou sensiblemente inclinado”.

O alcalde estivo en contacto permanente esta tarde coa Capitanía Marítima de Burela, con Portos de Galicia e coa Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao. González Barcia asegurou que “a ese respecto dende a Alcaldía xa sabemos que se adoptaron as medidas urxentes pertinentes por parte das autoridades competentes na materia para garantir fundamentalmente a seguridade marítima, que é do que en definitiva se trata nestes momentos. Será o Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra o que advirta ao tráfico marítimo o que ocorreu nas inmediacións do porto burelés co seu faro”.

José Mª González Barcia subliñou que “non hai que lamentar ningunha desgraza persoal, que é o máis importante de todo. Producíronse danos menores no porto, como a rotura dunha plataforma de acceso a un pantalán. Nos paseos marítimos o máis castigado foi de novo o de A Marosa nas zonas onde xa resultara danado previamente, co cal foi un mal menor porque non se empezara a arranxar”.

O rexedor burelés engadiu que “hai que ver cando calme o mar en que estado queda a praia da Marosa, pero parece que resultou máis afectada agora que no temporal anterior. No paseo marítimo do Cantiño non se observan a simple vista danos substanciais con respecto ao temporal anterior. De feito non houbo que lamentar ningún incidente en ningún ben privado, o que si acontecera no temporal anterior, cando rompera un muro de separación entre dúas casas precisamente na zona de O Cantiño”.

O Concello pechou ao tráfico peonil os paseos do Cantiño e da Marosa: “mañá, se as cousas van como se prevén, ese acceso quedará aberto”.

Ao longo da tarde o alcalde, José Mª González Barcia, percorreu os lugares máis significativos acompañado por efectivos de Protección Civil e da Policía Local.

Exit mobile version