Site icon Crónica3.com A Mariña

O GDR da Mariña reabre o prazo para solicitar axudas ó abeiro do programa Leader

Mondoñedo, 31 de marzo de 2014. Tras a ampliación de fondos para o programa Leader 2007-2013, o GDR da comarca de A Mariña abre novamente o prazo para a presentación de proxectos que poidan optar a unha axuda deste programa.

A partir de mañá, 1 de abril, calquera persoa física ou xurídica poderá presentar o seu proxecto nas oficinas que o GDR ten na Casa da Cultura en Mondoñedo para que se tramite e opte a obter as axudas do Programa Leader.

O GDR da Mariña conta para estes dous anos con un total de 1.952.573,02€ para destinar a axudas. Desta cantidade, unha parte importante destinarase a cubrir as axudas pendentes dos expedientes que xa estaban presentados e tramitados polo GDR. Esto é así porque “os expedientes que xa están presentados teñen preferencia con respecto aos novos e, segundo as indicacións que nos deron desde AGADER, primeiro hai que atender a estes e, a continuación, resolveranse as novas solicitudes”, explica a xerente do GDR, Ana Ermida.

Segundo os cálculos feitos polo equipo técnico do grupo, os expedientes que soliciten axuda este ano resolveranse no 2015, xa que o orzamento deste 2014 (877.279,27€) esgotaríase atendendo aos expedientes xa presentados. Aínda así, explica Ermida, “é bo que non se demoren as solicitudes, xa que a resolución dos expedientes vai por orde de presentación, polo que, en caso de esgotamento de fondos novamente, os que antes presenten, teñen máis posibilidades de obter axuda.”
Desde o GDR resaltan que “con estes novos fondos, ningún dos proxectos presentados na convocatoria anterior que se adaptaban ao programa quedarán sen axuda e, deste xeito, calculan que o grupo terá concedido arredor de 4 millóns de euros en axudas cando se peche o programa.”

Exit mobile version