Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno local de Cervo “aposta pola xuventude, o deporte de base e o exercicio” coa remodelación do campo de fútbol da Veiga

Cervo, 28 de marzo de 2014- O pleno da corporación celebrado onte aprobou o trámite a través do cal o Concello destinará 380.000 euros do seu remanente de tesourería a modernizar o campo de fútbol da Veiga co obxectivo de “apostar pola xuventude, o deporte de base e o exercicio en xeral”. Unha instalación que funcionará como “un foco de atracción para unha maior actividade no noso municipio”, tal e como explica a edil de Facenda, Yolanda Pedreira. Os beneficios para os usuarios serán importantes xa que o campo posibilitará unha actividade deportiva intensiva grazas a un terreo de xogo que estará sempre en perfecto estado, en calquera época do ano e baixo calquera situación meteorolóxica.

Neste sentido hai que lembrar que o remanente de tesourería é o diñeiro que o Concello de Cervo foi aforrando ao longo dos últimos anos e que en total ascende a 1,5 millóns de euros. Polo tanto, o remanente é “resultado dunha boa xestión económica e financeira das arcas municipais” aclara Pedreira.

Da mesma maneira, é importante explicar que o remanente de tesourería só se pode utilizar para investimentos que garantan un aforro económico prolongado no tempo. Este requisito foi fixado polo Goberno do Estado a través da nova disposición adicional da Lei de Facendas Locais.

Nesta disposición tamén se especifican cales son os investimentos concretos aos que se pode destinar o remanente. Desta forma, o uso deses cartos está limitado por esta lei. Así, non se pode destinar o remanente a gasto corrente, nin a gasto social, nin a gastos de persoal nin calquera outro gasto que non implique un aforro económico.

A edil de Facenda explica que a modernización do campo de fútbol da Veiga cumpre con todos os requisitos fixados na lei, xa que implica un importante aforro en gastos de mantemento, unha redución do consumo de auga ao aproveitarse a procedente da chuvia para regar o campo, e tamén un aforro en enerxía a través dun sistema de iluminación máis eficiente, entre outras medidas.

Exit mobile version