Site icon Crónica3.com A Mariña

Ó goberno municipal de Foz sorpréndelle que o deputado autonómico socialista Val critique que Portos de Galicia faga investimentos no Concello

Foz, 6 de marzo de 2014. O goberno municipal de Foz amosou este xoves a súa sorpresa polas declaracións do deputado autonómico socialista focense José Ramón Val nas que criticou ao ente autonómico Portos de Galicia por facer investimentos no concello. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, lembrou que as obras realizadas no porto foron demandadas polo sector pesqueiro e náutico da vila e polo propio Val.

“Estamos abraiados polas declaracións do parlamentario do Partido Socialista señor Val en contra de que en Foz se fixeran investimentos por cerca de un millón de euros nestes dous últimos anos por parte de Portos de Galicia. Parécenos incoherente que sabendo que Foz foi nestes últimos anos un dos sitios onde máis investimentos fixo Portos de Galicia aínda así un deputado que representa á Mariña e a Foz se queixe de que se fixeran esas obras. Parécenos verdadeiramente paradigmático e entendo que pode deberse a celos por non telo feito eles no momento en que estiveron gobernando o Concello de Foz durante 16 anos. Parécenos ilóxico que unha persoa que está gañando un soldo de todos os galegos se queixe porque se fagan investimentos e sobre todo despois de estar dous anos seguidos pedindo o dragado e outras obras”, manifestou este xoves o rexedor municipal focense, quen lembrou que esas actuacións foron demandadas polo sector pesqueiro e da náutica recreativa da vila a través da confraría de pescadores e do Club Náutico.

Javier Castiñeira explicou que se fixeron dous dragados “e evidentemente fan falta máis porque non está totalmente dragado o porto de Foz, faltan as dúas dársenas, pero o que non podemos queixarnos do que hai feito. Parécenos incoherente por parte deste señor que anda desaparecido da vida política local, o que é normal porque por onde pasa non medra a herba, que trate de xustificar o seu soldo arremetendo contra o seu propio concello; parécenos bastante vergonzoso”.

O alcalde agradece a Portos de Galicia “os seus investimentos durante estes dous últimos anos e seguimos confiando neles para que esa actuación importante, que é a reorganización da zona portuaria siga adiante. Non queda nada máis que aprobar agora o plan especial de usos do porto, que vai ir ao pleno do Concello de Foz. Espero que o Partido Socialista non se negue a darlle para diante a ese plan porque entón xa sería a incoherencia máxima. Doulle un consello ao señor Val: que traballe, que trate de andar pola rúa, que busque motivos para gañarse ese soldo porque realmente non o está merecendo”.

Exit mobile version