Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular lembra que xa están en marcha toda unha batería de axudas de emerxencia en apoio do sector pesqueiro como consecuencia da sucesión de temporais

Santiago, 5 de marzo de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, quixo lembrar que xa están en marcha toda unha batería de axudas en apoio do sector pesqueiro e das empresas e profesionais que traballan neste ámbito para paliar as consecuencias negativas da sucesión de temporais que veñen afectando á costa galega e ao conxunto do litoral Cantábrico.

En consecuencia, os populares rexeitaron por “tardía e extemporánea” a iniciativa presentada na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia por Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) e na que se solicitaban distintos apoios “que xa existen” grazas ás iniciativas de urxencia impulsadas tanto polo Goberno central, a través do Real Decreto Lei de medidas urxentes, como pola Xunta de Galicia. “Non falamos de fogos de artificio senón de feitos: dunha batería de axudas publicadas no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia”, salientou Balseiro

BATERÍA DE AXUDAS DE URXENCIA
O voceiro do Mar do Grupo Popular lamentou o “enorme descoñecemento” das forzas da oposición do contido destas liñas de axuda e, nun repaso xeral sobre as mesmas, lembrou que o Real Decreto estatal recolle, entre outras medidas, beneficios fiscais e bonificacións nas cotizacións á Seguridade Social para os profesionais da pesca e marisqueo. A maiores, establece outros apoios para os establecementos pesqueiros ou para acometer as obras de reparación de danos en bens adscritos a empresas do ámbito do mar.

No caso da Xunta de Galicia, o Goberno acordou a ampliación do prazo de axudas para solicitar distintos proxectos colectivos presentados polas confrarías e agrupacións de mariscadoras de cara a rexeneración e recuperación de bancos produtivos. Esta ampliación de prazo facilita ás entidades solicitantes a preparación dos proxectos que permitan restaurar os bancos marisqueiros e as poboacións de marisco danadas ou nas que tivo lugar unha alta mortaldade como consecuencia do forte vento e das intensas chuvias.

AXUDAS EN INFRAESTRUTURAS PESQUEIAS E DO LITORAL
Balseiro dixo que a estas iniciativas hai que engadir as obras de emerxencia efectuadas nas infraestruturas portuarias e aquelas que se poidan realizar no futuro en función da avaliación dos danos que provocou o último temporal, xa que a sucesión de episodios meteorolóxicos adversos continua producíndose (o último hai dous días) e, polo tanto, a cuantificación final aínda non é definitiva.

Ademais, existen axudas específicas para os concellos costeiros co fin de financiar as obras de reparación das infraestruturas municipais e establecementos turísticos privados que queden afectados. A normativa inclúe, entre outras cuestións, axudas ás corporacións locais polos gastos causados para facer fronte a estas situacións de urxencia, como, por exemplo retirada de areas ou limpeza de vías e paseos marítimos.

SENSIBILIDADE E MEDIDAS EXCEPCIONAIS
Jose Manuel Balseiro destacou a preocupación demostrada en todo momento polos responsables da Consellería do Medio Rural e do Mar, outros departamentos autonómicos e polo propio Goberno central ante a situación xerada polas vaga de tormentas e enfatizou a contribución e implicación directa da conselleira Rosa Quintana que, en opinión do deputado, resultou esencial para que estas axudas visen a luz canto antes.

Exit mobile version