Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP interesarase en pleno pola prohibición de estacionar na praza da Catedral

Mondoñedo, 5 de marzo de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo dirixirá dúas preguntas ao alcalde da localidade, o nacionalista Orlando González, relativas ao problema do estacionamento no municipio.

Tras coñecer polos medios de comunicación a intencionalidade do Concello de eliminar a Praza da Catedral como zona de aparcamento; os populares queren ter máis datos e coñecer cando o equipo de goberno ratificará a decisión de prohibir estacionar neste emprazamento.

Os populares na súa pregunta plenaria tamén se interesan polos prazos concretos que manexan dende o PSOE e o BNG no Concello para que esta pretensión se faga efectiva.

Xestións para crear un aparcadoiro no casco histórico
Os populares remitirán unha segunda pregunta ao alcalde nacionalista na que se interesan polas xestións emprendidas por Orlando González para a adquisición dos terreos á venda situados en torno á Igrexa de Santiago, co obxecto de destinalos a aparcadoiros.
Os populares lembran que o seu grupo lograra o compromiso do alcalde para iniciar os contactos cos propietarios, tras a presentación dunha moción do PP no verán de 2012 e unha vez coñecida a intencionalidade dos donos de allear os terreos.

Dende o Partido Popular a día de hoxe non teñen constancia das posibles xestións emprendidas dende o Concello cos propietarios destes terreos, que se converterían nunha alternativa idónea ao problema da falta de prazas para estacionar na localidade, dado a súa ubicación dentro do propio casco histórico.

Os populares consideran que non se poden escatimar esforzos para dotar a localidade de aparcadoiros, que se podería incluso converter nun catalizador para fomentar o tecido comercial no municipio e incentivar o turismo.

Exit mobile version