Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE afirma que “a práctica habitual de Villares parece ser non axustarse ós permisos dados e poderá ser sancionado por Patrimonio trala tala de árbores en Sargadelos”

CERVO, 24 DE MARZO. Os socialistas de Cervo denuncian que o alcalde, Alfonso Villares, “ignora os condicionantes dos permisos facilitados por outras administracións e acaba facendo sempre o que lle ven en gana. A última actuación neglixente é a relativa á tala de árbores no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, non se axusta ó acordado e agora o Concello afronta unha posible sanción da Dirección Xeral de Patrimonio”.

Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que “estamos detrás deste asunto dende o mes de xaneiro xa que moitos veciños nos trasladaron a súa preocupación. O día 28 de xaneiro presentamos no Concello unha solicitude, con rexistro de entrada 380, para coñecer as actuacións que se ían levar a cabo así como revisar os informes e permisos que autorizaban a mesma, o 18 de febreiro o Concello comunícanos, con rexistro de saída 413, que poderemos estudar o expediente o día 24 dese mesmo mes, o día 24 de febreiro imos ver toda a documentación e resulta que ó final non cumpre cos permisos solicitados. ¿para qué pide entón o señor Villares permisos, para burlarse deles?”.

O máis preocupante para os socialistas é que “ésta non é unha práctica aislada do señor alcalde, é a súa maneira habitual de actuar. Solicita a colocación duns postes e despois actúa como máis lle convén, solicita a execución dunhas obras e despois actúa como máis lle convén, pensa que está por riba do ben e do mal pero ten que adaptarse á lei vixente e acatar os requisitos impostos por outros organismos como facemos o resto dos mortais”.

Vendo que ésta xa non é a primeira vez que o señor Villares se enfrenta a unha posible sanción por non cumprir as súas responsabilidades como rexedor de Cervo, os membros do GMS recoméndanlle que “recapacite sobre esta maneira de actuar e acepte que ésta non é a actitude que ten que ter un alcalde, ten que pensar que se non é capaz de cumprir coas súas obrigas, quizais lle sexa mellor ceder o cargo a quen sí esté disposto a traballar como se debe para o noso Concello”.

Engadiron que “esperamos que non siga crendo nas persecucións políticas, calquer cargo público sexa da cor que sexa ten que cumprir a norma. É lóxico que se lle esixan explicacións e sen tardar moito”.

Exit mobile version