Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE esixirá explicacións á Xunta pola perda de servizos asistenciais, emprego e capacidade resolutiva do Hospital da Costa

A MARIÑA, 3 DE MARZO.- O deputado autonómico –José Ramón Val Alonso- rexistrou este luns unha pregunta no Parlamento de Galicia, co obxectivo de que a Xunta de Galicia dé explicacións, no vindeiro Pleno da Cámara, sobre o desmantelamento do Hospital da Costa que está a levar a Consellería co modelo de xestión integrada, e que foi denunciado a semana pasada polo 90% dos facultativos do centro sanitario, indicando que este implica unha perda notable dos servizos asistenciais, emprego e capacidade resolutiva, ata o punto de que o Hospital acabará funcionando como un ambulatorio.

Neste senso, o socialista decidiu levar este asunto á administración do Hórreo porque, tal e como subliñara a deputada provincial e voceira do PSOE en Cervo –Lara Méndez- o día despois de que os profesionais explicasen os problemas sanitarios que está a ter o centro sanitario, “a xestión da Xunta roza a mendicidade, xa que impide claramente que os mariñanos poidamos ter unha Sanidade de calidade”. Deste xeito, subliña que “o colectivo puxo de manifesto o deterioro dos equipos instrumentais, as deficiencias do servizo de mantemento dos aparellos electrónicos, a falla de previsión nas compras… e, o que é máis grave, a perda de especialistas que se marcharon no concurso de traslados ou que se xubilaron forzosamente e cuxas prazas non foron cubertas, nin de xeito continuo nin de xeito temporal….Cremos que se trata dun tema moi serio. Estamos a falar da saúde das persoas, pero ós Gobernos do Partido Popular e ó Sr. Balseiro semella que non lles importa. Unha vez máis, demostrase que sempre antepoñen os intereses do Partido aos dos cidadáns”, afirma.

Así mesmo, o Grupo Parlamentario do PSOE tamén solicitará que o Executivo autonómico concrete se ten previsto emprender algunha medida para evitar que o sanatario perda a súa autonomía.

“Só favorece a privatización”
Os socialistas da Mariña, co obxectivo de o modelo proposto polo Goberno galego non supoña a perda de servizos sanitarios para o Hospital da Costa, e tal e como anunciaran en decembro, están a presentar mocións en todos os Concellos para que o Partido Popular se opoña ó desmantelamento do centro. É e que a área sanitaria integrada “está orquestada cun único fin: a privatización deste servizo público ”, reitera Val.

En decembro fíxose efectivo o traslado do personal facultativo ó HULA; isto significa que, cando menos, un especialista e unha enfermeira de prevención de riscos laborais veranse obrigados a reforzar, varias veces por semana, este servizo no centro sanitario da capital. Ademais, a área de contabilidade deixará de existir a partir do 1 de xaneiro, perdéndose alomenos seis postos de traballo. Isto é a proba, conclúe o socialista, de que o Decreto de Xestión Integrada “non só elimina a autonomía do Hospital, senón que provoca a súa destrución”, conclúe o deputado socialista.

Exit mobile version