Site icon Crónica3.com A Mariña

O segundo Festival de Cine de Alfoz comeza este sábado coa proxección de dúas curtas

O vindeiro sábado 15 de marzo de 2014, a partires das 19:00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura de Alfoz, celebrarase a primeira xornada ao 2º Festival de Cine de Alfoz, organizado pola Seminario de Estudos do Valadouro, coa colaboración da Delegación de Cultura do Concello de Alfoz e a Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Nesta primeira xornada procederase á inauguración do 2º Festival de Cine de Alfoz por parte de Xabier Pardiñas, Presidente do Seminario de Estudos do Valadouro, e de concellos de Pepe Peinó, Concelleiro de Cultura no Concello de Alfoz.

A continuación darase paso á proxección da curta documental “Mercado Medieval de Alfoz 2013”, dirixido por Miguel García, director e produtor mindoniense colaborador nas dúas edicións do Festival de Cine de Alfoz. Con guión de Miguel García, Garacopter tomou as imaxes aéreas, mentres que Álvaro Liste se encargou da montaxe deste traballo audiovisual que recolle a décimo quinta edición do Mercado Medieval de Alfoz no que “de novo os habitantes de Alfoz, traballando arreo e ombro con ombro, fan posible que volta ó pasado, á Idade Media e á época gloriosa de Pardo de Cela, sexan unha realidade”.

“Facernos ver cos ollos abertos aquilo que imaxinamos con eles pechados…” resume a idea deste documental que potencia un soño dos veciños de Alfoz que se materializa a terceira semana de xullo cando o Castro envolve coa súa maxia un exército de privilixiados.

En segundo lugar proxectarase a curta de ficción “Mr. Smith and Mrs. Wesson”, dirixida por Jorge Saavedra, director de diversos traballos como a serie de ficción “Matalobos” da TVG; e protagonizada por Octavi Pujades, Camila Bossa, Luís Iglesia, Xabier Deive, María Mera, Daniel Currás, Álex Fernández e Iván Marcos.

Con guión de José Rubio e Jorge Saavedra, a produción executiva correu a cargo de Miguel García, Jorge Saavedra, Víctor Grande e Gutier Rolán. “Mr. Smith and Mrs. Wesson” recolle a historia de Smith, que pasou por máis cousas das que a súa mocidade delata. Por iso, cando entra no edificio abandonado que cambiou a súa vida, non só leva unha pistola na man e unha vinganza na mirada… Smith carga tamén cunha tonelada de recordos: os dos momentos que o conduciron alí. Agora Smith debe abrirse paso entre o exército de asasinos, comandados por Kalashnikov, para recuperar o máis importante da súa vida. As balas asubiarán e o sangue volverá correr antes de que acabe o día, pero nada nin ninguén porán freo á ira dun home disposto a calquera cousa pola súa familia.

Para finalizar o acto entregaráselle obsequio conmemorativo pola súa participación neste 2º Festival de Cine de Alfoz a Miguel García, director do primeiro filme e produtor executivo do segundo.

Exit mobile version