Site icon Crónica3.com A Mariña

O sistema de videovixilancia intelixente contra o furtivismo no litoral galego estará en probas ata finais de ano

Santiago, 19 de marzo de 2014.- O proxecto Videoguard, un sistema de videovixilancia intelixente para a prevención e persecución da pesca e do marisqueo furtivos, estará en período de probas ata finais de ano. Este tempo servirá á Xunta para valorar a viabilidade de implantar o sistema na costa galega, aproveitando as infraestruturas de telecomunicacións xestionadas polo operador público Retegal, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

A pilotaxe deste proxecto arrancará no primeiro semestre do ano en dous municipios costeiros do litoral galego, segundo explicou na Comisión 8ª do Parlamento o subdirector xeral de Gardacostas, Lino Sexto, en resposta a unha pregunta sobre este tema.

O responsable de Gardacostas dixo tamén que o Proxecto Videoguard está desenvolvido por un consorcio de empresas tecnolóxicas integrado por Coremain, Bastet Ingeniería, TRC, Retegal e coa participación do Centro Tecnolóxico Gradiant, cun investimento de 1,8 millóns de euros, financiados con fondos do programa Innterconecta a través da Consellería de Economía e Industria e o CDTI.

O sistema permitirá detectar embarcacións en zonas de porto e rías, así como persoas en zonas de praia, rochas e bateas en horario diurno ou nocturno. A plataforma de Videoguard está deseñada para dous posibles escenarios: un de curta distancia con estacións de videovixilancia situadas a menos medio quilómetro das embarcacións ou persoas a monitorizar; e un escenario experimental a unha distancia de entre 5 e 10 Km da costa para o que se empregarán as torres de telecomunicacións de Retegal.

En ambos casos o sistema grava as imaxes da zona vixiada, analiza a información procedente das gravacións e, ante a detección dunha posible infracción, traslada a alarma ao centro de control e dispositivos móbiles en tempo real. Ademais, o sistema almacena a información permitindo a consulta e recuperación das imaxes gravadas.

O proxecto garante o respecto á privacidade requirida pola LOPD na monitorización e procesado de vídeo en espazos públicos, empregando técnicas de ocultación selectiva daqueles patróns visuais que puidesen permitir a identificación de persoas e embarcacións nas gravacións. Deste modo, o persoal de vixilancia poderá constatar que unha persoa ou embarcación está a cometer unha infracción pero sen poder recoñecela de forma inmediata. Esta ocultación será reversible, podendo recuperarse a imaxe orixinal por parte de persoal autorizado cando sexa necesaria a identificación, ou ben a achega da gravación como evidencia en caso de denuncia.

Remolcador West
Por outra parte, o subdirector xeral de Gardacostas indicou que para o rescate do remolcador West –o pasado día 13 de xaneiro– mobilizáronse os medios públicos Don Inda e Sar Gavia. Destacou que con esta intervención salváronse todas as vidas humanas e evitouse un episodio de contaminación mariña.

En relación con este suceso, o subdirector sinalou que as condicións meteorolóxicas naquel momento eran moi adversas, con vento do Oeste de forza 7 a 8 e ondas de 4 metros e que sen embargo as funcións de salvamento de vida no mar e a prevención da contaminación cumpríronse.

Exit mobile version