Site icon Crónica3.com A Mariña

Once artistas españois inspirados polas nubes exporán os seus traballos na nova mostra da Capela de Santa María

presentacion-expo-nubesA Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou este mércores Estar en las nubes, a nova exposición que acolle a Capela de Santa María, e que amosa unha trintena de traballos multidisciplinares asinados por 11 destacados artistas españois coas nubes como motivo de inspiración. Durante o acto de presentación, que contou coa presenza da Concelleira Ana González Abelleira; Fátima Otero, comisaria da mostra, e Alina Granados, unha das artistas participantes, Polín subliñou que “novamente, a Capela acolle unha exposición de exquisita calidade, con artistas procedentes de toda España que se suman á longa lista de nomes que teñen dado a este espazo o nivel que todos lle recoñecen hoxe en día”.

A Deputada destacou que “responsables e artistas conseguimos facer da Capela o espazo de referencia que é hoxe. Hai poucos espazos coma este, capaz de facer compartir espazo ó arte e á artesanía, conxugando perfectamente tradición e modernidade ó ofrecer un espazo único no que teñen cabida as creacións téxtiles saídas de teares tradicionais e as instalacións artísticas de vangarda”. Pola súa banda, Fátima Otero, destacou que esta é unha exposición única, que reúne obras de artistas que teñen empregado as nubes como tema de inspiración recurrente, e non feitas por encargo. Igualmente, destacou a calidade dos artistas presentes, entre os que se atopan, por exemplo, Eugenio Ampudia, recoñecido como o mellor artista na edición 2008 de ARCO.

11 artistas nas nubes
Esta mostra recolle obras, realizadas baixo diferentes técnicas, que xiran en torno a un eixo común: as nubes. Tal e como destacou Fátima Otero, as nubes teñen sido motivo de inspiración para centos de artistas, ó longo da historia do arte, que plasmaron a través da pintura, a escultura, o deseño, o vídeo ou a o mobiliario, a fascinación polos “caprichos celestes”. Nembargantes, as nubes poucas veces foron tratadas a nivel expositivo, polo que aí radica a orixinalidade desta mostra.

11 artistas multidisciplinares que representan o máis destacado da actualidade do panorama actual en España están presentes en Estar en las nubes. Os galegos Sheila Pazos; Din Matamoro; Alina Granados; Xurxo Gómez-Chao; Jesús Otero-Yglesias aportarán a súa particular visión das nubes, moitas veces de xeito onírico e futurista, a través da pintura e da fotografía; nubes de helio a xeito de pantallas de proxección do vallisoletano Eugenio Ampudia; as famosas rain tables da catalana Andere Mojo, Premio Samsonite de Deseño; as nubes fotografadas do cántabro Ciuco Gutiérrez, ou a combinación de pintura e fotografía do zaragozano Carlos Maño, suman ata 30 pezas que dan boa mostra da sensibilidade do colectivo artístico que reintepretan a tradición cultivada ó longo dos séculos por artistas como Leonardo da Vinci ou Warhol, pasando por Constable, Turner ou Magritte.

Horarios da exposición
A exposición abrirá as súas portas este xoves, ás 20:00 horas, nun orixinal acto cheo de sorpresas para os asistentes, como as nubes de algodón de azucre que se poderán degustar, e no que a música terá un papel protagonista, xa que será a estrea dunha peza para instrumentos de corda, composta especialmente para a ocasión. Ata o 20 de abril, todos os que desexen achegarse ata a Capela de Santa María poderán facelo no seguinte horario: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados, domingos e festivos 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuita.

Exit mobile version