Site icon Crónica3.com A Mariña

Os danos dos temporais e a falta de sinalización do Hospital da Costa na A-8, na xuntanza entre o alcalde e O Vencello

Burela, 11 de marzo de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, mantivo este martes un encontro coa asociación de veciños O Vencello, no que abordaron cuestións coma os danos causados polos últimos temporais ou a falla de sinalización sobre o Hospital da Costa na autovía A-8. O rexedor dixo que Costas comezará a arranxar os desperfectos ocasionados polo mar a vindeira semana e que xa lle comunicou ao subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, que na A-8 na Espiñeira non hai ningún tipo de sinalización sobre Burela e sobre o Hospital da Costa.

González Barcia contou que “un dos asuntos dos que falamos con eles foron os arranxos que Costas vai levar a cabo nos puntos danados polos temporais, tanto nos paseos marítimos como nas praias. Xa se dixo no seu momento que un dos puntos máis afectados foi a praia da Marosa e todo apunta, e así se fixo saber ao Vencello, que na próxima semana, se non hai ningún atranco ou inconveniente, Costas empezará a facer as actuacións pertinentes para repoñer a normalidade naqueles puntos onde o mar afectou máis fortemente. Tamén todo apunta a que Costas vai reparar o espigón da praia da Marosa, que quedou bastante danado polos temporais e que, como se sabe, é unha infraestrutura necesaria e fundamental para garantir a seguridade na praia”.

O alcalde burelés sinalou que “por parte da asociación de veciños se fixeron varias preguntas sobre aspectos vinculados coa limpeza viaria, cos parques e tamén sobre a sinalización do Hospital da Costa na A-8 á altura da Espiñeira tanto vindo dende Ribadeo en dirección Coruña como indo en dirección Irún, porque efectivamente nestes momentos na A-8 non existe ningunha sinalización sobre o Hospital da Costa nin sobre Burela. O que se lle fixo saber a O Vencello é que dende o Concello xa nos puxemos en contacto coa Subdelegación do Goberno en Lugo para facerlles chegar esta petición e que nos próximos días se remitirá un escrito á Subdelegación do Goberno e ao propio Ministerio de Fomento para que se indique oportunamente o Hospital da Costa na A-8 na zona da Espiñeira”.

González Barcia engadiu que “por outra parte tratáronse outras cuestións de tipo máis puntual, como por exemplo o estado de tramitación do plan xeral de ordenación municipal, que está a punto de ser aprobado definitivamente pola Xunta de Galicia ou aspectos vinculados con temas como subvencións a entidades deportivas, culturais, etcétera. En definitiva tratouse dunha reunión habitual, como non pode ser doutro xeito, entre a Alcaldía do Concello de Burela e a asociación veciñal máis representativa do noso concello, enmarcado todo elo dentro dun ámbito, por suposto, de colaboración, de cordialidade e de consecución conxunta dos obxectivos comúns, que non son outros que mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños do noso concello”.

Exit mobile version