Site icon Crónica3.com A Mariña

Os establecementos hostaleiros de Xove poñen en marcha a XIII Festa do Polbo da Pedra que se celebrará o Xoves Santo

Un grupo de hosteleiros de Xove pretenden contribuir a promocionar o municipio cunha festa gastronómica “xa que esa é a área na que mellor nos desenvolvemos”.

Deste xeito, poñen a andar a XIII Festa do Polbo da Pedra que se celebrará en Xove o 17 de abril, Xoves Santo. A pesar de que “o mesmo que outros lugares da comarca cremos que temos productos que son merecentes de ser promocionados; coincidimos todos en que o polbo da pedra, denominación coa que coñecemos o polbo que se captura na nosa costa, é un producto de altísima calidade, tal como nolo amosan os numerosos viaxeiros e turistas que pasan polos nosos establecementos”.

“Sabemos que noutros lugares de Galicia se celebran festas do polbo, pero esta queremos que naza cun xeito diferenciador, e ese xeito está en que o polbo que se traballa na Costa de Lugo (especialmente no que atinxe ós nosos portos de Morás e Portocelo) é un polbo distinto do que se acostuma a tomar noutros lugares e feiras de Galicia”, explica Miguel Gómez López, membro da organización.

“O noso é un polbo cunha cor máis escura, os raxos son máis longos e a cabeza máis pequena, e cremos tamén, aínda que esta é unha opinión particular, que se trata dun polbo de máis calidade que ese outro que se colle sobre todo nas grandes rías”.

Esta festa consolídase ano a ano ó chegar á décimo terceira edición polo que “nos enche de orgullo”. Para esta edición, que vai comezar ás 19.00 horas, a organización repartirá uns 1.500 quiilos de polbo que vai ser preparado polos diferentes locais en multitude de variedades que cada ano son diferentes co fin de “sorprender ós visitantes”, sen deixar tamén de cociñar o polbo nas súas formas máis tradicionais.

A organización deste evento corre a cargo dos seguintes establecementos: Cafetería “A Roda”, Pizzería “A Fuga”, “O Refugio”, “Café-Bar “Pepe”, “Cafetería-Bar “Cociña”, Cafetería “Centro Cívico”, Cafetería-Restaurante “O Medulio”, “O Rincón de Nuria”, Pizzería “Onde Sempre” e Restaurante “Terra Mar”, que contan tamén co importante patrocinio e colaboración do Concello de Xove.

A Asociación Cultural Saíñas tamén participará achegando música tradicional a “esta importante e agradable xornada gastronómica á que convidamos a toda a xente de Xove, da Mariña e doutros lugares”.

Exit mobile version