Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas acusan a Feijóo de “responder ás peticións de traballo da flota con pelotazos e agresións”

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 14. O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, acusou este mércores a Feijóo de responder ás peticións de traballo da flota de cerco “con pelotazos e agresións”. Así o dixo na sesión de control ao presidente da Xunta, na que responsabilizou ao presidente da Xunta das agresións aos manifestantes onte en Santiago.

Méndez Romeu dixo que o presidente da Xunta “claudicou” coa sinatura do goberno galego nun acordo da pesca de cerco “lesivo” para a flota galega. Dixo que a xestión nefasta do goberno galego exclúe a 115 barcos galegos, ameazando ás familias dos mariñeiros, e provocou que onte 3.000 deles protagonizaran unha protesta en Santiago na que foron “apaleados” polas forzas de seguridade.

O responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que se reúna cos representantes da flota que estiveron onte no Parlamento de Galicia para reclamar contas por un acordo asinado polo goberno galego e que “favorece á minoría” en prexuízo da maioría da flota galega. Sinalou que “24 horas mais tarde seguen agardando que o goberno teña a delicadeza de atendelos e darlles resposta e solución da súa claudicación en Madrid”.

Acusou a Feijóo de “faltar á verdade cando esquece que a Consellería do Mar estaba na xuntanza de decembro en Madrid” na que deu a súa sinatura para un acordo en contra dos intereses da pesca galega. As actas das xuntanzas do goberno central coa flota de cerco evidencian que estivo un representante do goberno galego, que é o secretario de Mar, Juan Maneiro.

Claudicación
Méndez Romeu dixo que Feijóo claudicou coa pesca “como claudicaron na defensa dos intereses de Galicia co AVE” incumprindo o protocolo asinado co goberno central e o concello de Lugo en 2010 para “traer o ferrocarril e a estación intermodal”. O responsable socialista utilizou a sesión de control ao presidente para evidenciar a falla de autoridade de Feijóo á hora de facer valer os intereses de Galicia no goberno central.

Subliñou que “agora sabemos que dende hai 16 meses o convenio está adiado sen que foran informadas as autoridades de Lugo nin a sociedade”. Lembrou que o presidente da Xunta mesmo garantiu destinar fondos propios a esta infraestrutura, “tal e como comprometeu a conexión ferroviaria atlántica en 2014, e faltou á verdade en Lugo, tal e como faltou en Vigo”.

Esixiulle que reclame á ministra de Fomento o cumprimento do protocolo e acusouno de “permitir que o AVE sexa de vía única dende Olmedo”, cumprindo os compromisos de facer a estación intermodal e a de autobuses en Lugo.

O responsable socialista cuestionou a autoridade do presidente da Xunta en Madrid, como evidencia que Rajoy teña reducido unha cuarta parte o investimento do goberno en Galicia, dende os 1.220 millóns que investía anualmente o goberno socialista de Zapatero.

Lamentou que estas cifras coincidan coa liña do goberno galego, que pasou de investir 1.000 millóns de euros en 2008, baixo presidencia do PSdeG, aos 80 investidos por Feijóo, que no ano 2014 só foi quén de aumentalos a 160.

Exit mobile version