Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas acusan ao PP de ter dilapidado un millón de euros para soster a “mentira da reorganización do Porto de Foz”

Santiago de Compostela, 05 de marzo de 14. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, acusou este mércores ao PP de ter “dilapidado un millón de euros” dos orzamentos do goberno galego para soster a “mentira da reorganización do porto de Foz”. O responsable socialista dixo hoxe que Xunta e Concello queren “prolongar o engano ata as próximas eleccións municipais sen comezar o proxecto”.

O deputado socialista da Mariña dixo hoxe que o denominado como Plan Especial anunciado polo goberno supón “unha nova volta de torca” para “teimar en tentar de facer ver” unha mentira. Esixiulle ao goberno galego que “deixen de enganar aos veciños e de dilapidar os fondos de tódolos galegos e galegas para persistir nesta mentira” coa que unicamente buscan “beneficio político”.

Dixo que mentres o goberno galego despilfarra un millón de euros “para non solventar ningún dos problemas” reais do porto. Reclamoulles que “en lugar de andar enredando deberan de atender ás necesidade dos usuarios”, e puxo como exemplo a dársena norte, que ten dous pantaláns “sen os servizos básicos de luz e auga”.

José Ramón Val explicou que o proxecto de reordenación do espazo portuario foi presentado hai tres anos polo PP como proxecto estrela, cunha serie de propostas para chamar a atención dos veciños e veciñas que a día de hoxe segue sen terse encetado. Subliñou que “3 anos despois podemos ver que, do que plantexaron, nada de nada”.

Actuacións estériles
Polo camiño, sinalou, o goberno galego contratou un estudo estéril para poñer 500 novos amarres a través dun mecanismo de estacas para conter a area, que custou 70.000 euros e evidenciou que a idea era unha “utopía imposible de realizar”. Ademais, despilfarraron 380.000 euros nun dragado de urxencia das canles de acceso que non serviu mais que para desfacer unha zona pública e danar as vías de saída do porto”.

Este dispendio foi “invalidado por vostedes mesmos cando dez meses despois contrataron un novo dragado por outros 400.000 euros que tivo practicamente o mesmo resultado que o anterior”, ademais de outras actuacións como a pasarela da dársena sur que “non era unha prioridade nin unha demanda dos veciños e veciñas”.

Exit mobile version