Site icon Crónica3.com A Mariña

Portos do Estado comprometeuse a tentar recuperar o estado orixinal do faro de Burela cando estea listo o proxecto técnico e o tempo o permita

Burela, 5 de marzo de 2014. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, está a xestionar a recuperación do faro de Burela coma icona da localidade. Puertos del Estado comprometíase hoxe para tentar volvelo ao seu estado orixinal. Os seus técnicos e os da Autoridad Portuaria de Ferrol-San Cibrao serán os encargados de elaborar o proxecto técnico para a realización das obras pertinentes.

O rexedor declarou que “o temporal Cristina que azoutou as nosas costas o pasado luns trouxo como consecuencia a práctica desaparición do faro da Pena de Burela, que é un elemento básico para a seguridade do tráfico marítimo, fundamentalmente de entrada e saída, do noso porto. Pero ademais é unha sinal de identidade do pobo de Burela, da nosa vila e do noso concello. Tanto é así que o faro está presente no escudo e na bandeira do noso concello dende a mesma constitución do Concello como tal, en xaneiro de ano 1995”.

González Barcia explicou que “logo das conversas mantidas, tanto no día de onte coa Autoridad Portuaria de Ferrol-San Cibrao como hoxe mesmo pola mañá co presidente de Puertos del Estado, José Llorca, dende a Alcaldía de Burela estamos en condicións de afirmar que estamos xa traballando pola recuperación do faro de Burela para intentar volvelo ao seu estado orixinal. Evidentemente a estrutura que quedou en pé igual non se poida utilizar, pero técnicos da Autoridad Portuaria de Ferrol-San Cibrao e técnicos de Puertos del Estado están xa traballando para elaborar un proxecto de obra que recupere o faro o máis igual posible”. O alcalde burelés considera que “non é unha tarefa que se vaia levar a cabo en cuestión de dúas ou tres semanas. É un proxecto técnico e a intención da Autoridad Portuaria é poder abordar estas obras evidentemente cando haxa bo tempo. Non se pode facer agora polo estado do mar e ademais porque nestas épocas do ano, aínda que este temporal foi moi duro, ninguén nos pode garantir que non veñan outros temporais senón iguais si un pouco inferiores en potencia, pero que puideran impedir a actuación na zona onde está o faro”.

José Mª González Barcia subliñou que “a intención e a decisión está aí e polo tanto se eu xa dixen, xa o primeiro día, que nos estábamos poñendo a traballar para a recuperación do faro, hoxe ratifícoo”. E tivo palabras de agradecemento: “en primeiro lugar á ministra de Fomento, Ana Pastor, polo interese e pola preocupación primeiro por garantir a seguridade do tráfico marítimo e, segundo, polo interese e pola preocupación por restituír a Burela unha icona que nos identifica como pobo e como comunidade. En segundo lugar agradecerlle tamén ao presidente de Puertos del Estado, José Llorca, que hoxe mesmo me transmitiu o desexo do seu departamento de que esta actuación se leve adiante; e por suposto tamén ao presidente da Autoridad Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Villarino, porque onte estivo aquí vendo in situ a problemática orixinada polo temporal e, por suposto, puxo todo o seu interese e compromiso para que esta actuación saia adiante”.

O alcalde de Burela dixo que “nos próximos días, cando o tempo o permita, e como paso seguinte para restituír a normalidade no que se refire á sinalización lumínica da baliza do faro de Burela unha embarcación vai levar técnicos da Autoridad Portuaria ao faro para comprobar o estado da infraestrutura que queda en pé. Eu entendo que está bastante danada, pero terán que ser os técnicos os que nolo confirmen. En segundo lugar se a estrutura que permanece en pé o permite instalarase na súa parte superior unha luminaria de sinalización branca; e se a estrutura non o permite instalarase unha boia, 100 ou 200 metros mar dentro, para garantir en todo momento a seguridade do tráfico marítimo de entrada e saída ao porto de Burela”.

O rexedor manifestou que “estas son as segundas medidas de emerxencia a adoptar. A primeira xa se levou a cabo o mesmo luns, cando o Centro de Coordinación do Tráfico Marítimo de Fisterra, a través do seu canal 16, empezou a emitir a mensaxe de que a baliza do faro de Burela estaba fóra de servizo. E a partir da posta en marcha destas medidas de recuperación provisional da sinal lumínica se empezará a traballar na solución definitiva para restituír o faro”.

O alcalde, José Mª González Barcia, cre que “isto o pobo de Burela o merece e dende a Alcaldía evidentemente non podíamos quedarnos de brazos cruzados. Polo tanto fixemos todas as xestións pertinentes habidas e por haber ante a propia ministra, ante Puertos del Estado, ante a Xunta de Galicia, e aquí tamén hai que facer un recoñecemento especial á conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, que estivo en contacto con nosoutros de forma permanente para, dentro das competencias que poida ter a Xunta de Galicia, intentar solucionar unha dobre situación: a da seguridade marítima e a recuperación dun emblema para o noso concello. E tamén quero agradecer o interese amosado polo portavoz do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro, e as xestións realizadas ao respecto”.

Exit mobile version