Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentouse o proxecto de museoloxía social da Rede Museística Provincial

Lugo, 3 de marzo de 2014. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou este luns no Museo de Lugo o proxecto de “Museoloxía social. Diálogo Intercultural” denominado Culturas en Diálogo: LUGO-ARXENTINA, que se vai desenvolver ao longo do ano 2014 nos diferentes museos da Rede Museística da Deputación de Lugo e que conta coa colaboración de asociacións e persoas vencelladas a diferentes actividades artísticas e culturais de ambas beiras do Atlántico. Na presentación tamén participaron Encarna Lago, xerente da Rede Museística, Ana Bereciartua, en representación da Asociación Rioplatense, Leonardo Mosqueda, de Tango Club Galicia, Karina Lucca, de Tango Club Galicia, Xosé Reigosa, Pilar Sánchez e Iago Eireos.

Segundo explicou Mario Outeiro,“a elección deste país ven marcada primeiro por ser un dos principais países de acollida dos homes e mulleres emigrantes galegos. En segundo lugar, porque gardou e propiciou a cultura galega durante o exilio de intelectuais e artistas galegos como Maruja Mallo, Castelao, Luis Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Núñez Búa, Otero Espasandín, Laxeiro, entre outros. Foi tamén terra fértil para a creación dun tecido organizativo e creativo baseada no compromiso, a solidariedade e o valor da orixe. Produto diso son os centos de asociacións de emigrantes, así como as editoriais, xornais, revistas, programas de radio e un variado abano de iniciativas culturais que durante anos foron o garante na defensa e promoción da nosa identidade cultural galega”.

“Igualmente, xa que o Consulado de Arxentina tivera sede en Lugo ata 1952, queremos coñecer o colectivo de arxentinos que viven en Lugo aos que como parte da nosa sociedade queremos dar voz para fomentar un intercambio de culturas, un diálogo sobre o que compartimos e o que descoñecemos, en definitiva, para visibilizar outras realidades que forman parte da nosa comunidade”, puntualizou o delegado.

Dentro deste programa, que se desenvolve no marco do proxecto “A arte de ser muller nun mundo por compartir 5.0”, a muller emigrante terá un papel sobresaínte, especialmente na proposta Mulleres de Aquí e Dacolá que reúne as coordenadas do programa: Muller/Emigración/Galiza/Arxentina. E de fondo, o Tango, declarado Patrimonio cultural inmaterial de la Humanidade pola UNESCO en 2009, consigue falarnos, con beleza e emoción, de xénero e de emigración. E para iso contamos cun evento único en Galicia o V Encontro de Tango Líber.

O programa presentado hoxe ten un carácter internacional e aberto polo que todas as actividades terán un acceso web utilizando activamente as redes sociais como medio de participación e nalgúns casos poderán seguirse os eventos en streaming.

Exit mobile version