Site icon Crónica3.com A Mariña

Saber dicir NON

Profesorado dos CELGA.- Nesta época de crise en que vivimos, é evidente que a Xunta de Galicia perdeu todo asomo de sensibilidade que como Administración preocupada pola cidadanía podía ter. E que se pode comentar, que non saibamos, respecto da sensibilidade idiomática que tan pouco preocupa ás/aos nosos gobernantes e que fan da lingua unha arma coa que enfrontarnos entre nós?

A máscara que viña escurecendo todo o proceso da impartición dos cursos Celga acaba de caer e, se xa non era un procedemento limpo –por non ter nin tiñamos contrato laboral-, agora, como vinganza por ter que cotizar á Seguridade Social polo seu persoal como calquera empresa, os “cerebros” encargados da achega da lingua á poboación pensan que é mellor pagar HORAS EXTRAORDINARIAS ao funcionariado do ensino que seguir contratando a ensinantes DESEMPREGADOS e FORMADOS para estas tarefas específicas.

Desde aquí, como afectadas/os desta desfeita, queremos agradecerlles a todas/os as/os docentes que rexeitaron a impartición dos Celga a pesar de supoñerlles renunciar a uns cartos que nesta época ben nos veñen a todos, sobre todo cando o funcionariado foi profundamente prexudicado pola crise.

Aproveitamos, ademais, para dirixirnos ás/aos que aceptaron a oferta e pedirlles que se poñan no lado en que xa estiveron, é dicir, PARADOS e con esta como única oportunidade laboral relacionada coa súa formación, e para que reflexionen sobre a súa opción.

Seica a empatía non é a característica fundamental do ser humano, mais en ocasións cómpre cambiar a perspectiva e é necesario saber dicir NON ao proveito económico fronte á ética.

Profesorado dos Celga

Exit mobile version