Site icon Crónica3.com A Mariña

Silvia Rubal incorpórase á convocatoria de Galicia para o Campionato de España Sub-21

A xogadora do CD Burela FS Pescados Rubén Silvia Rubal sumarase á súa compañeira Lara na convocatoria definitiva de Galicia para a fase final do Campionato de Seleccións Autonómicas de Fútbol Sala Sub-21 que terá lugar esta fin de semana en Alcorcón (8-9 de marzo).

“Foi toda unha sorpresa recibir a chamada de Manuel Castillo para interesarse pola miña dispoñibilidade e ánimos para participar no campionato” explicaba hoxe a burelesa, de 18 anos, sen agochar o seu entusiasmo. “Estou moi contenta; para min será a primeira experiencia con Galicia e vou moi motivada. Vou disposta a gozar ao máximo porque para min será todo novo; será un pracer aprender con xente nova, compenetrarme como grupo con xogadoras que normalmente son rivais” dicía con enerxía e vitalidade Silvia, moi optimista coas posibilidades da súa selección nesta cita: “As miñas compañeiras xa fixeron un gran traballo chegando ata aquí; a selección dispón dun bo grupo, de xogadoras de calidade que se coñecen e son habituais da selección” cualificada así a ala mariñá o combinado irmandiño, deixando un lugar moi especial entre os seus desexos para “regresar a Burela co título de campioas de España”.

Xunto ás laranxas, compoñen a expedición, dirixida polo vicepresidente do club burelista, José Luis Sáez: Ana López, María Arias e Vanessa Sotelo, do Cidade das Burgas; Adriana Rodríguez, do Leis Pontevedra; Belén Feal, A Fervenza FS; Cruz Sánchez, Viaxes Amarelle; Claudia Martínez e María Carmen Pérez, Poio FSF, e Alejandra de Paz e Diana J. Díaz, do Valdetires Ferrol.

O combinado irmandiño medirase á Comunidade Valenciana abrindo a cita, ás 10.00 horas do sábado (pabellón A Canaleja). Ás 12.30 horas, Cataluña e Madrid pelexarán polo segundo billete para a final, programada para o domingo, ás 12.00 horas.

Fase previa
A selección de Manuel Castillo gañou o pase a semifinais con autoridade e solvencia tras derrotar a Cantabria (11-0) e ao País Vasco (13-0), logrando a primeira praza do grupo A.

*Foto: A Caixa Escura Producións.

Exit mobile version