Os deportistas partirán da piscina de San Cibrao e pasarán por Vilar, Lieiro, Espiñerido, Cervo, Sargadelos, A Senra e Gondrás para rematar no mesmo punto de saída, onde haberá un xantar. Na metade do camiño ofreceranse tres avituallamentos para repoñer forzas. O percorrido mantense máis ou menos estable con respecto ao ano pasado, aínda que con algúns cambios en certos tramos, xa que o Club estivo abrindo e acondicionando novas vías para a práctica de ciclismo, especialmente na baixada do monte A Medela. Unha ruta que ten unha lonxitude aproximada de 38 quilómetros e un desnivel acumulado de 1.450 metros. Polo tanto, trátase dunha proba de dificultade media e orientada principalmente ao perfil dun ciclista federado.
Unha cita deportiva que ano tras ano mantén uns niveis de participación estables, que roldan ou incluso superan o cento de inscritos, o que demostra que se trata dunha proba consolidada e con moi boa acollida entre os ciclistas. Así, en só cinco anos, o Club Medela MTB conseguiu que a ruta se convertese nun evento deportivo habitual do mes de marzo que atrae a ciclistas de diferentes puntos da comarca, das catro provincias galegas e incluso de Asturias ou León.
O Club Medela MTB é o organizador da ruta e conta coa colaboración do Concello de Cervo, Alcoa, Rodabell, Cerezo Bikes e Deputación de Lugo. O alcalde, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, Luis Guillén reuníronse esta semana co presidente da entidade, David Riera e outros membros para concretar os últimos detalles da súa colaboración.