Site icon Crónica3.com A Mariña

Un total de 16 titulados beneficiáronse do programa de fomento do emprego xuvenil de Cervo

Cervo, 10 de marzo de 2014- O Concello de Cervo fixo hoxe balance do programa de fomento do emprego xuvenil despois de 8 meses funcionando. Nese tempo foron 16 os titulados que se beneficiaron desta iniciativa, dos cales 10 fixeron prácticas en departamentos municipais e 6 en empresas da zona. Neste momento son 13 os mozos e mozas que gozan de bolsas de formación, con titulacións en Formación Profesional e universitarios.

Todos eles realizan por primeira vez tarefas en campos relacionados cos seus estudos. Os primeiros en participar neste programa foron catro titulados, que iniciaron o seu período de formación en xullo de 2013, e a partir de entón fóronse incorporando mes a mes novos beneficiarios. O último foi un titulado de FP en soldadura e caldeiraría en xaneiro de 2014. Ao mesmo tempo o Concello prevé dúas novas incorporacións no mes de abril.

A edil de Emprego, Yolanda Pedreira, asegura que “para nós este plan de fomento do emprego xuvenil é básico. Porque cremos que é moi importante que a mocidade con estudos, que acaba de sacar unha carreira ou un título de FP, teña a oportunidade de formarse e conseguir experiencia no seu campo”.

Pedreira considera tamén que “esta fórmula das prácticas remuneradas, como as que ofrecemos dende o Concello a través da Fundación FEUGA, son unha moi boa forma de que estes mozos saian ao mercado laboral máis preparados”.

A edil destaca que nos orzamentos deste ano incrementouse a partida dedicada a estas bolsas, de forma que se triplicou o importe ata os 100.000 euros. “Un investimento moi importante co que pretendemos que todos os nosos titulados melloren as súas posibilidades de atopar un traballo”.

Exit mobile version