Site icon Crónica3.com A Mariña

Val asegura que Balseiro “quere salvar a cara ante os seus xefes de Santiago despois de ser deslexitimado polo sector do cerco esta semana no Parlamento”

Santiago, 14 de marzo de 2014. O voceiro socialista de Pesca no Parlamento galego, José Ramón Val, subliñou este venres que as críticas do secretario xeral do PP lucense, José Manuel Balseiro, á postura dos socialistas en defensa da frota galega do cerco son “unha mera rabecha” coa que o político lugués quere “salvar a cara diante dos seus xefes de Santiago, despois de toda unha semana na que foi criticado, apupado e completamente deslexitimado polo sector” na Cámara autonómica.

“Balseiro leva sen abrir a boca durante todo o conflito e agora trata de escusar a incompetencia de Núñez Feijóo, que, en vez de escoitar ó sector, sácalle traballo e futuro”, argumentou o Deputado.

Val incidiu en que o problema polo reparto das cotas do cerco “provocouno a incompetencia e falta de peso político do Presidente da Xunta e da súa responsable en materia de pesca”, engadindo que o que buscan os socialistas “é solucións xustas que favorezan ós barcos da provincia de Lugo e ós do conxunto de Galicia”. “Este é un problema global para o que buscamos solucións globais”, sinalou.

Exit mobile version