Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación conmemora o Día Internacional das Mulleres

8 de marzoLugo, 6 de marzo de 2014. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Igualdade, conmemorará, este sábado, 8 de marzo, na sala de exposicións do Pazo de San Marcos, o Día Internacional das Mulleres, nun acto no que participarán o vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, e o delegado de Cultura da institución, Mario Outeiro.

O acto comezará coa representación da peza “A cousa nosa” a cargo de Cristina Sánchez, Eva Valle e Nieves Neira, da Asociación 3Monos. A presentación do mesmo estará a cargo da xornalista luguesa Pilar García Cheda, que posteriormente dará paso á lectura colectiva do manifesto “Por un 8 de marzo comprometido coa loita feminista”, na que tomarán parte Tareixa Campo, Josefina e Purificación Janeiro, da Asociación A Ravela de Baralla; Digna Lagarón, da Plataforma de Afectadas polas Preferentes; Mulleres de Lugo; Chus Méndez, da Plataforma en defensa da Sanidade Pública Galega; a Asociación Henriqueta Otero; a Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu da Ínsua; e Inma Orol, do Observatorio da Mariña pola Igualdade.

Nesta xornada dedicada ao Día Internacional das Mulleres tamén intervirán Maruxa Bardasco, traballadora do eido dos servizos sociais no rural, que exerce a súa profesión na montaña luguesa; e Antonia Semedo Lopez, redeira de San Cibrao e integrante do grupo musical caboverdiano Batuko Tabanka. Así mesmo, a cantante Sés porá o broche final ao acto coa súa colaboración musical.

Exit mobile version