Site icon Crónica3.com A Mariña

Violencia na rúa

CADERNOS DA VIAXE. Os graves incidentes violentos das últimas semanas obrigan a unha seria diagnose da situación. Que pasa por recoñecer que o grao de violencia na rúa non respostou, ate de agora, á gravísima situación social,económica e institucional e á tensión social que vive a maioría da poboación. Pasa por afirmarmos sempre do lado das Policías, mais non necesariamente dos Gobernos que as dirixen; velaí a diferenza entre a prevención e represión policiais do 15-M do 2011 e do 22-M do 2014. E pasa por rexeitar a idea, a eito difundida por algunhas forzas “anti sistema”, de que os incidentes da rúa son máis autodefensa social ca violencia. Afirmarmos esa idea é unha barbaridade en termos éticos, mais tamén políticos. Porque a reacción violenta da rúa fronte á política gobernamental non xera máis ca dor, represión e división social.

Dito isto, afírmolles a miña convicción de que o Goberno Rajoy non ten unha idea democrática da seguridade cidadá.Porque no canto de garantir o pacífico exercicio dos dereitos cidadáns na rúa está a usar do mesmo para favorecer, coa impagábel axuda dalgúns radicais violentos, a división social e o conflito. Velaí decisións políticas e operativas tan desafortunadas como deixar quince policías illados e inermes fronte a ducias de violentos, cargar no mesmo día contra unha demostración legal pondo en perigo a integridade física de crianzas e cidadáns ou, no caso dos incidentes do cerco en Santiago, disolver unha manifestación provocando unha descontrolada ruada e ulterior persecución cara o centro do Ensanche compostelán na hora da recollida dos colexios.

Xa que logo, semella que este Goberno non sabe ou non quere garantir a seguridade cidadá e tende usar este ben xurídico a xeito de instrumento para a súa política de división social e criminalización da discrepancia. Neste senso, a coincidencia entre estes incidentes e o debate previo a respecto do inconstitucional anteproxecto de lei de Seguridade Cidadá amosa ben ás claras esta instrumentación.

No caso de Galicia esta crise serve tamén para pór en valor a necesidade de transferir o mando da policía de seguranza á Xunta. Porque a garantía policial no exercicio dos dereitos require, no Mando e na Policía, proximidade e coñecemento do País e da súa cidadanía.

Xoán Antón Pérez-Lema

Exit mobile version