Site icon Crónica3.com A Mariña

Volta á Liga na casa do pechacancelas, Colegios Arenas Gran Canaria

O Burela FS Pescados Rubén regresa mañá á competición de Primeira, logo da parada pola Copa de España e da xornada de descanso de liga, na casa do pechacancelas, Colegios Arenas Gran Canaria (19.30, hora peninsular). O cadro laranxa, oitavo (30 puntos), pelexará polos tres puntos para non descolgarse dos postos de play off.

O conxunto de Juanlu afronta a 26ª xornada coa reincorporación de Hugo, xa totalmente recuperado da súa intervención de menisco, aínda que aínda non poderá contar con Christian: “Foron dúas semanas sen liga que nos viñeron moi ben. Hugo xa realizou o traballo co grupo durante toda a semana; estará para o partido, aínda que non ao cento por cento. Christian tamén viaxa, pero non está en condicións de saltar á pista polo momento” explicaba así o técnico a situación do vestiario laranxa.

“Malia estar no fondo da táboa o Gran Canaria non baixou os brazos; está realizando uns partidos moi competitivos. Sen ir máis lonxe, en Peñíscola estivo a piques de gañar e ademais nós contamos coa desagradable experiencia de Vista Alegre (2-2), con dous puntos menos” analizaba así Juanlu aos canarios, que anunciaron esta semana a marcha de Glauber. “Temos claro que os dous próximos partidos, con Canarias e Jaén, poden ser un paso importante para os play off” dixo o técnico laranxa, incidindo na necesidade de que non se repita o desenlace da primeira volta: “O empate con Canarias e a derrota en Jaén condicionáronnos en exceso para a clasificación da Copa; isto non pode repetirse”.

“Nós manteremos a nosa filosofía. Imos dominar o partido, presionando con defensa alta e a polos tres puntos” aseguraba Juanlu. “Poderemos ver un rival con dúas caras; con Inter pechouse moi atrás e, no entanto, con Santa Coloma ofreceu unha defensa máis presionante” analizaba o adestrador burelista, recoñecéndose “preparados para eses dous tipos de partidos. Estivemos traballando toda a semana esas posibilidades”, concluía.

Exit mobile version