Site icon Crónica3.com A Mariña

A Área de Cultura propón actividades para todos os públicos co programa ‘Maio de Lingua’

Lugo, 28 de abril de 2014. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou esta mañá unha iniciativa que pon en marcha a área de Cultura da institución provincial baixo o lema “Maio de Lingua”, un completo programa de actividades culturais que buscan poñer en valor a lingua e a cultura galega

En Maio de Lingua terá cabida o poeta d’Os Vilares, Xosé María Díaz Castro, a quen este 17 de maio se lle dedica o día das Letras Galegas, para quen temos preparada unha sentida homenaxe con varias datas centradas na súa figura. O día 5 de maio presentarase a obra “Poesía Galega Completa” no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz; mentres que o mércores, 7 de maio, proxectarase o documental “O instante eterno” do tamén veciño dos Vilares Xosé Antón Cascudo, que terá lugar, ás 20 horas, no Refectorio do Museo.

Así mesmo, como colofón ao programa “Lingua Viva”, posto en marcha pola área de Cultura en colaboración con Palimoco Teatro, terá lugar o domingo 18 de maio, a partir das 20 horas, polas prazas de Lugo a representación teatral de “A beleza feriume para sempre”, unha peza que se está a preparar nos obradoiros que está a impartir Paloma Lugilde con grande éxito de asistencia e no que as e os participantes están a estudar a vida a obra de Xosé María Díaz Castro.

Outra das apostas deste Maio de Lingua é a posta en marcha do circuíto de grupos de música tradicional “Foliada na rúa” no que participarán grupos de Lugo como Andaina, Cantigas e Frores, Airiños da Freba, Airiños de Orbazai, A volta do agro, Caivanca, Reviravolta, Os Xílgaros de Lugo e Arrincadeira serán os encargados de poñer o toque musical. “Foliada na rúa” partirá da Praza da Soidade en diversas datas para percorrer a Praza do Campo, a Praza Maior e rematará na Praza de San Marcos.

Durante a súa intervención Mario Outeiro explicou que “os máis pequenos tamén terán o seu espazo xa que desde a área de Cultura somos conscientes da importancia de que as nenas e nenos teñan contacto co galego”. Por iso dentro de Maio de Lingua terán o seu protagonismo no “Maio miúdo”, no cal ao longo dos xoves do mes de maio a partir das 17:30 horas, na Sala de Exposicións da Deputación, poderán gozar de contacontos como Soledad Felloza con “Xeografía do imaxinario” o xoves 8 e d’ A Tropa de Trapo con “Antía, Wamba e o Regato pequeno” (unha actividade que se organiza en colaboración do Fondo Galego de Cooperación). Así mesmo, haberá espazo tamén para a música xa que o xoves 22, os mestres da Tradescola Pablo Carpintero e Xosé Lois Romero impartirán un concerto didáctico, e o xoves 29 o lugués Fran Rei traerá o contacontos “A historia de Brancafror”“A Historia de Brancafror”.

Neste sentido, o delegado de Cultura explicou que “pensamos que estas son propostas certamente interesantes que gustarán moito ás e aos máis pequenos da casa. A entrada é libre para todas estas actividades, buscando que todas as familias poidan asistir”.

Tamén forma parte deste proxecto a Noite dos museos, baixo o lema “Noites de lume, contos e medo”, que se organiza en colaboración coa Asociación Cultural Lusco Fusco e que terá lugar o sábado, 17 de maio, a partires das 22 horas, nos Xardíns do Museo de Lugo.

Cómpre resaltar tamén dúas interesantes presentacións que formarán parte deste “Maio de Lingua” como son a proxección do documental “102 testemuños de aniversario – 100% Celso Emilio Ferreiro”, coa participación do seu director Aser Álvarez, nesta proxección da que poderíamos chamar a “segunda parte” do que foi premiado como mellor documental nos Premios Mestre Mateo 2013. Esta proxección terá lugar o mércores 14 ás 20 horas no Refectorio do Museo de Lugo.

Así mesmo, o mércores 28, ás 20:30 horas no Refectorio do Museo, terá lugar a presentación do libro “A voltas coa diversidade cultural: as conferencias de Claude Levi-Strauss para a UNESCO”, na que contaremos coa participación de Xosé María Álvarez Castro, responsable da súa edición. É esta unha obra que pon en valor a diversidade cultural como algo natural e como un valor engadido dos pobos que sempre debe servir para sumar e nunca para restar, conta coa colaboración da área de Cultura.

Para poñer fin a este “Maio de Lingua”, o sábado 31 de maio, a partir das 21:30 horas nos Xardíns do Museo de Lugo terá lugar un pequeno festival baixo o nome de “Ei carballeira! Novos Cantares Galegos”. “Con este berro tan festeiro e tan galego queremos poñer en valor, máis unha vez, a nosa lingua, contando con grupos de mozas e mozos que están a facer música en galego sen complexos. Así, poderemos desfrutar da música de “As Irmandades do Falo”, de “Superoito”, de “Arrythmia” e de “Ruxe Ruxe”. A entrada será de balde e poderemos tamén, durante toda a noite, fotografarnos co “fotocol” de “Gústame o galego”, unha idea da Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística que tanto éxito ten alí onde vai”, precisou o delegado.

“Como vedes unha completa programación coa que demostrar que existe a cultura en galego e de calidade e que desde as institucións galegas debemos apostar por ela sen complexos. Con este “Maio de Lingua” queremos reclamar “Mil primaveras máis para a lingua galega”, como fixo Álvaro Cunqueiro porque queremos un país orgulloso da súa historia, da súa lingua e da súa cultura. Sen máis, só me resta convidarvos a todas e a todos a participar das actividades de Maio de Lingua” – concluíu Outeiro.

Exit mobile version