Site icon Crónica3.com A Mariña

A Área de Deporte da Deputación destina 1.250.000 euros a entidades deportivas da provincia

outeiro-xuntagobernoLugo, 21 de abril de 2014. O delegado de Cultura e Turismo e portavoz do BNG na Deputación de Lugo, Mario Outeiro, anunciou, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución provincial, que veñen de aprobarse as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos e sociedades anónimas deportivas da provincia de Lugo para os gastos de tempada 2013 – 2014 pola súa participación en ligas ou campionatos oficiais federados por equipos de primeira ou segunda categoría absoluta estatal.

A Deputación, a través da área de Deporte, destinará un total de 1.250.000 euros, dos cales 725.000 euros están dirixidos a sociedades anónimas deportivas; mentres que os 525.000 euros restantes se destinan para clubs e entidades deportivas. Neste sentido, Outeiro explicou que “a subvención percibida por calquera dos beneficiarios nunca poderá superar o 50 por cento do orzamento financiable presentado por cada un dos solicitantes, e a actividade a financiar terá que desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do presente ano. Así mesmo, os beneficiarios terán tres meses a maiores, até o 31 de marzo de 2015, para xustificar os gastos realizados”.

Así mesmo, o delegado lembrou “o interesante que resulta esta liña de axudas para clubs, entidades e sociedades anónimas deportivas, xa que, no caso de que o beneficiario o solicite, poderase realizar un anticipo como entrega de fondos que en ningún caso superará o 60% da axuda concedida. Neste caso, procederíase ao pagamento do 40% restante unha vez presentada a documentación xustificativa da actividade subvencionable”.

A cantidade concedida en cada subvención fai referencia a unha porcentaxe ou fracción do custo total da actuación subvencionada, xa que, este ano, como novidade, as entidades beneficiarias deberán facerse cargo, cando menos, do 5% do custo total da actuación subvencionada.

O prazo para a presentación de solicitudes será de cinco días hábiles a partires da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia, que se materializará nos vindeiros días.

“Esta liña de axudas da Deputación de Lugo en materia deportiva é unha proba máis do noso compromiso coa dinamización da actividade deportiva en toda a provincia; e de que a Deputación de Lugo é, das Deputacións do Estado, a que máis diñeiro inviste en deporte por habitante, só superada polos cabildos insulares e Guipúscoa, que contan cun réxime fiscal diferente. Isto contrasta coa política doutras administracións, como a Xunta de Galiza, que reducen drasticamente os seus investimentos en deporte” – concluíu Outeiro.

Exit mobile version