Burela, 12 de abril de 2014. A Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao ven de adxudicar este venres as obras de retirada e eliminación dos restos do faro de Pena Burela, segundo confirmou o alcalde da localidade, José María González Barcia.
González Barcia manifestou que “as obras teñen un presuposto de 56.000 euros, incluído o IVE, e poderían comezar en vinte días, sempre e cando as condicións do mar axuden, xa que os restos do faro serán torados onde están”.
O alcalde burelés aclarou tamén as diferentes fases da actuación a levar a cabo: “en primeiro lugar, hai que estabilizar os restos antes de poñerse a toralo, porque agora mesmo teñen un alto grado de inestabilidade e por suposto hai que garantir a seguridade dos operarios”.
“Despois, procederase ó corte e torado do faro, en principio en dez anacos, para garantir ó seu posterior manexo”, engadiu González Barcia. “Esas pezas serán embarcadas para seren trasladadas ó porto, descargalas e levalas a un xestor autorizado de residuos”.
Finalmente, segundo indicou o rexedor , “instalarase unha baliza metálica de cinco metros de alto, con carácter provisional, para garantir a sinalización que había hasta que o temporal destrozou o faro existente”.
As diversas actuacións serán levadas a cabo por unha empresa especializada en traballos no mar, e o seu prazo de execución será o que o estado do mar permita: “o mar será determinante para acelerar ou retrasar as obras”, indicou Barcia.
José María González Barcia recoñeceu e agradeceu a celeridade da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, “especialmente do seu presidente, José Manuel Vilariño, quen ó día seguinte do temporal visitounos para comprobar directamente o estado do faro e estudar alternativas”.