Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Saúde denuncia que o peche de máis de 1.200 camas hospitalarias durante 4 meses provocará problemas asistenciais

O SERGAS pechará durante 120 días máis de 1.200 camas hospitalarias. A CIG-Saúde denuncia que isto provocará problemas asistenciais como a paralización da actividade cirúrxica, o incremento das listas de espera, a saturación dos servizos de urxencia e unha presión sobre os centros hospitalarios e sobre o propio persoal sanitario para reducir tanto o número de ingresos como o tempo de estancia media de hospitalización (altas prematuras).

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín sinala que no canto de priorizar a saúde das galegas e galegos, as súas necesidades de atención sanitaria e a necesaria calidade asistencial para as e os doentes, o SERGAS prioriza o aforro que se engade aos recortes orzamentarios que se veñen producindo xa no sistema sanitario público. “Se non hai actividade, non hai gasto e esa é unha das máximas deste goberno”, di.

Abuín afirma que esta medida provocará inevitablemente o incremento do sufrimento das persoas fronte á enfermidade, ao retrasar o acceso ás prestacións sanitarias. Ademais do sufrimento que supón para a poboación o peche de camas pola diminución de actividade nos centros e o aumento de espera para recibir asistencia sanitaria, esta medida ten unha importante repercusión no emprego no sector sanitario. “Pechan camas para non contratar persoal eventual no verán. Un verán que dura, para a consellaría, catro meses e no que cada ano se incrementa máis o número de camas pechadas”.

De feito a CIG-Saúde ten cuantificado o número de camas pechadas desde o ano 2010. Daquela foran 588, que ao ano seguinte ascenderan a 670. En 2012 houbo un novo incremento, até chegar ás 787 camas pechadas e o ano pasado xa se elevaran a 1.105, chegando este ano ás 1.200.

CIG-Saúde denuncia que o SERGAS xa non publica datos sobre as contratacións realizadas nos centros sanitarios. “Temos o índice máis baixo de contratación e o máis alto de precariedade. Non contratan, pero si provocan que a xente faga horas aumentando a súa xornada ordinaria”.

A CIG-Saúde entende que deste xeito mesmo se está a defraudar á Seguridade Social, “como os peores empresarios non contratan para non ter que pagar as cotizacións correspondentes”, denuncia a secretaria nacional.

A non cobertura de persoal tamén se produce no ámbito da atención primaria. Pechan as axendas de consultas provocando listas de espera e obrigando á poboación a recorrer aos servizos de urxencias.
Ante isto, a CIG-Saúde fai un chamamento á poboación a denunciar as situacións de retraso no acceso á sanidade e a participar conxuntamente cos traballadores e traballadoras nas mobilizacións que en defensa dunha sanidade pública, gratuíta e universal se convoquen.

Exit mobile version