Site icon Crónica3.com A Mariña

A concellería de Cultura de Burela avanza na organización das festas patronais cunha xuntanza cos representantes dos veciños que elaborarán a alfombra floral

Burela, 22 de abril de 2014. A Concellería de Cultura traballa na organización da festas patronais de Burela. Segundo explicou Mónica Pedre xa houbo contactos con representantes de orquestras e onte celebrouse unha xuntanza cos representantes dos grupos de veciños que se encargarán de elaborar a alfombra floral.

A edil de Cultura contou que “desde a Delegación de Cultura do Concello de Burela estamos a traballar na organización das festas patronais do presente ano. Somos conscientes de que levamos un certo retraso, pero non haberá ningún tipo de problema cos festexos”. Mónica Pedre dixo que “xa se fixeron contactos con representantes de orquestras para configurar un programa musical digno e acorde coa categoría das festas de Burela, pero tamén acorde coa situación económica que se está a vivir”.

Onte luns, no Concello, houbo unha xuntanza do alcalde, José Mª González Barcia, e dos concelleiros de Economía e Cultura, José Casas e Mónica Pedre, con representantes dos grupos de veciños que elaborarán a alfombra floral. A concelleira popular indicou que “o compromiso do equipo de goberno, feito público na xuntanza polo propio alcalde, traducirase en que o Concello asumirá o mesmo que na edición das festas de 2013 e en anos anteriores. Iso foi motivo de satisfacción para os representantes dos veciños que asistiron a este encontro celebrado onte”.

Pedre subliñou que “a vindeira semana operarios municipais encargaranse de transportar os elementos vexetais imprescindibles para que estes grupos poidan empezar a traballar na elaboración das alfombras florais”. E engadiu que “hoxe manterei tamén un encontro coas empresas da iluminación ornamental, que abranguerá as mesmas rúas que o ano pasado”.

Exit mobile version